Poio contratará 24 traballadores a través do Plan Concellos da Deputación
Por Redacción
O Concello de Poio prevé incorporar progresivamente a partir de marzo e, en principio ata decembro, ata 24 persoas en situación de desemprego. Será a través da liña 3 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, para o que se investirán 232.043,18 euros.
A duración dos contratos oscilará entre os nove e os tres meses e das 24 contratacións, once servirán para reforzar o departamento de Obras e Servizos. Trátase de nove operarios para servizos múltiples, un condutor e un electricista.
A rehabilitación de roteiros municipais, a limpeza e roza de camiños e sendeiros, así como de contornas fluviais e forestais, ou o mantemento das praias e espazos verdes serán algunhas das tarefas que desenvolverán estes traballadores.
O condutor precísase para reforzar o plantel que se dedica a facilitar o desprazamento das brigadas, mentres que o oficial electricista deberá controlar o uso axeitado dos puntos de luz ou adoptar medidas de aforro enerxético.
O responsable de Persoal, Xosé Luís Martínez, explica que os perfís dos aspirantes serán variados, se ben buscarán centrarse en desempregados que formen parte de colectivos de difícil inserción laboral. Aquí entrarían menores de 30 anos, maiores de 45, mulleres, persoas con baixa titulación académica ou cidadáns con discapacidade ou en risco de exclusión social.
A convocatoria inclúe tamén catro postos para conserxe (tres) e un limpador ou limpadora, que desenvolverán as súas obrigas na Casa-Museo de Colón, no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó e noutras dependencias municipais. Neste caso, o perfil que se busca é o de persoas maiores de 45 anos sen prestacións.
O Plan Concellos permitirá, ademais, reforzar o persoal de Turismo cunha persoa para exercer de guía e realizar tarefas de asistencia e información.
Pola súa banda, Cultura pasará a contar cun técnico para elaborar programas e iniciativas en diferentes ámbitos, como os centros escolares. En Servizos Sociais, apóstase por contratar a dous auxiliares de clínica, un técnico de mocidade e un traballador social. Por último, as instalacións municipais contarán con dous responsables de limpeza e un conserxe.
Relacionadas:
-
Obras, limpeza e servizos son as áreas nas que Poio abrirá procesos de contratación temporal
Por Redacción |
-
O Concello de Poio confía en que as probas de varias prazas de emprego público se realicen a finais de ano
Por Oskar Viéitez |
-
Poio contratará no verán seis socorristas para as praias de Xiorto e Cabeceira
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade incorporará 21 traballadores
Por Redacción |
-
A Deputación financia a contratación de 217 persoas noutros trece concellos da provincia
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas contratará doce persoas co Plan Concellos da Deputación
Por Redacción |