Cerdedo-Cotobade proxecta a mellora viaria do Camiño do Quinteiro
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten todo listo para emprender unha importante mellora viaria, que inclúe o ensanchamento, así como diversas actuacións de embelecemento e preservación do patrimonio no histórico Camiño do Quinteiro, na parroquia cerdedense de Tomonde.
Esta actuación, que conta cun orzamento de 100.481 euros e está financiada ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, vén de ser adxudicada á empresa Manuel Pérez Portela, tras o correspondente concurso público, para a súa execución nos vindeiros seis meses.
Esta obra, prevista para o pasado exercicio, tivo que adiarse xa que o proxecto, que contemplaba o arranxo dos 150 metros do camiño e o seu ensanchamento ata os 8,50 metros, afectaba ás contornas de protección de diversos elementos catalogados pola Dirección Xeral de Patrimonio.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción por levar a bo porto unha "obra importante que vén de ser mellorada polas aportacións de Patrimonio e que asumimos con gusto, xa que claramente farán que a solución adoptada para o Camiño do Quinteiro sexa máis acaída e incremente a calidade de vida da veciñanza".