Os populares solicitan ao Concello a reforma da rúa da Torre e Francisco Asorey
Por Redacción
Os concelleiros do Partido Popular, Martín Martínez e Juanma Muñoz, compareceron este mércores para presentar a moción que defenderán no próximo Pleno municipal na que se insta ao Concello de Pontevedra a realizar unha "reforma integral da rúa da Torre e a rúa e travesía Francisco Asorey, no Burgo".
Martínez lembrou que no pleno do 7 de abril de 2017 aprobouse por maioría a limpeza e posta en valor desta zona, "cos votos en contra do BNG, pero co apoio do resto de membros da Corporación Municipal". Transcorrido todo este tempo "os veciños seguen esperando o cumprimento" daquel acordo plenario.
Asegura o edil do PP que este barrio é "un dos máis degradados de Pontevedra" e sinalou Martínez algunhas carencias como "o saneamento precario de zona, a recollida deficiente das augas, a escasa iluminación e o mal estado das beirarrúas".
"Desde o Partido Popular de Pontevedra sempre teremos a man tendida e a vontade política de chegar a todos aqueles acordos que busquen o incrementar a calidade de vida de todos os nosos veciños, tanto no rural, como nos nosos barrios", asegurou Martín Martínez para pedir o apoio do Goberno local a esta proposta.