Retoman a busca do mariñeiro da Illa desaparecido en Ons
Por Redacción
Á primeira hora desta mañá os servizos de emerxencias retomaron os traballos de procura de Iván Otero, o mariñeiro da Illa de Arousa que desapareceu este martes tras o naufraxio da súa embarcación nas inmediacións da illa de Ons.
O rastrexo está a realizarse principalmente por mar. Dúas embarcacións de Salvamento Marítimo, a Sar Gavia e Sargadelos, trasladáronse ao momento do naufraxio xunto co remolcador Mahón da Armada española, patrulleiras da Garda Civil e o barco Punta Falcoeira dos Gardacostas de Galicia.
Ao mesmo tempo, o helicóptero Helimer percorre desde o aire a zona que hai entre Ons, o lugar onde envorcou a embarcación ata a illa de Sálvora.
Ademais, Protección Civil do Grove está despregada pola zona de San Vicente e o servizo de Emerxencias de Sanxenxo controla por terra a área entre Paxariñas e A Lanzada.
Un golpe de mar provocou que a planadora Rosa, unha embarcación que ten a súa base na Illa de Arousa e que ía cara a unha batea de mexillóns na zona, afundísese nas inmediacións da illa na mañá do martes.
Segundo a información facilitada por Salvamento Marítimo e a Garda Civil, os tripulantes lanzáronse á auga e comezaron a nadar cara á zona norte de Ons.
Un deles chegou ata terra mentres que outro foi recollido por unha patrulleira da Garda Civil cando se atopaba preto da illa mentres que o terceiro desaparecía durante o traxecto.