Técnicos da DGT e Audasa negan os atascos na AP-9 durante as obras de Rande e falan de tráfico "fluído"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
A primeira das tres sesións previstas para o xuízo no Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra contra Audasa pola presunta cobranza abusiva de peaxes na AP 9 estivo marcada este martes pola declaración de varias testemuñas propostas pola concesionaria da autoestrada, especialistas da DGT, Audasa e Estradas do Estado que, sen sorpresas, realizaron testemuños beneficiosos para esta parte demandada na causa.
Pola sala número tres dos novos xulgados da Parda pasou o director do Centro de Xestión de Tráfico do noroeste da DGT, que explicou que nesas instalacións reciben imaxes a través de cámaras instaladas en toda a autoestrada, cinco delas situadas na contorna da ponte de Rande, e que se se produciron atascos, teríaos visto. A pesar de ter todo monitorado, constata que durante os tres anos das obras "el tráfico era mayoritariamente fluido".
Este especialista indicou que unha obra non ten por que influír no tráfico e que, de feito, durante o tempo que duraron as obras non detectaron retencións destacables senón "las normales de un periodo estival" ou outras producidas por accidentes.
Aínda que recoñeceu que puido escaparse algunha retención pequena ao seu control, ve "muy improbable" que se sucederan todos os atascos recompilados pola Fiscalía e os publicados polos medios de comunicación nesa época e que eles non os tivesen detectado.
Respecto diso, avogados das partes demandantes referíronse a que a Fiscalía contabilizou 202 incidentes durante os 3 anos de obras e, con todo, este especialista da DGT reduciu ese número 80 episodios de retencións e sinalou que tan só houbo unha ocasión en todo ese tempo en que tiveron que informar nos paneis de sinalización da autoestrada sobre unha afección importante ao tráfico e foi durante o incendio na conserveira Fandicosta, durante o que houbo que levantar as barreiras das peaxes para deixar pasar aos vehículos.
O responsable da Demarcación de Estradas do Estado en Pontevedra declarou que realizou unha serie de medicións no ano 2018 na contorna de Rande pola "repercusión mediática" do que estaba a suceder na autoestrada, pero non porque eles constancia de queixas de usuarios.
Nesas medicións fala de retencións e tráfico lento, pero non de atascos xeneralizados e explica que durante o tempo das obras os atrasos máximos para ese traxecto pasaron de que levara dous minutos e medio a un máximo de 10 minutos, incremento que, segundo puxo sobre a mesa o avogado de En Colectivo, supón un aumento do 400%.
Este técnico recoñeceu que hai información en tempo real sobre o tráfico na AP 9 a través da páxina web da DGT pero que "no hay avisos en tiempo real del tráfico una vez que estás dentro de la AP-9". Precisamente, esta circunstancia chamou a atención do maxistrado que xulga os feitos, que pediu varias aclaracións a esta e outras testemuñas sobre esa posible falta de información dos condutores que tan só tiñan avisos de obras e retencións tras pagar a peaxe ou cando xa estaban dentro da autoestrada, pero non recibían avisos antes de entrar na vía ou cando estivesen a tempo de buscar unha alternativa.
O director técnico da empresa que proxectou as obras de Rande, que se encargou de buscar unha solución técnica para garantir a seguridade nas obras, tamén negou eses atascos xeneralizados. Segundo asegurou, por norma xeral durante o tempo das obras mantivéronse dous carrís en cada sentido no tramo de Rande excepto en momentos "muy puntuales". Mesmo neses momentos asegura que foi normalmente en horario nocturno para que o tráfico non se vise afectado.
En xeral, segundo este técnico, durante o tempo das obras, "la capacidad de la autopista no se ha visto reducida".
Tamén un responsable técnico de Audasa insistiu neste aspecto e asegurou que a política das obras de ampliación foi "disminuir al máximo" a posible afectación do tráfico e que na ponte "no se podía bajar de dos carriles por sentido" entre as 6.00 e as 22.00 horas. Segundo indicou, "las obras no repercutieron significativamente en el tráfico". Este técnico si recoñeceu que Audasa "nunca informó a los usuarios en las pantallas de las retenciones en el tráfico".
O xuízo continuará este mércores con novas testemuñas e peritos propostos polas partes. Esta causa xudicial inicio a pedimento da Fiscalía Provincial de Pontevedra e posteriormente compareceron como demandantes tamén as asociacións En Colectivo e Adicae e 8 afectados a título particular.
Relacionadas:
-
Os afectados celebran a sentenza contra Audasa: "É un triunfo da acción colectiva"
Por Redacción |
-
Condenan a Audasa a devolver as peaxes cobradas a usuarios da AP-9 afectados por 81 incidencias
Por Redacción |
-
A Fiscalía e os usuarios da AP-9 ven cobros abusivos na peaxe por Rande; Audasa e o Estado, cumprimento da lei
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Un perito reduce os episodios graves de retencións polas obras de Rande a dous en tres anos
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O xuíz da causa das peaxes de Rande ve "indudable" que o Estado defende os intereses de Audasa
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
A Fiscalía únese aos afectados na súa oposición a que o Estado estea persoado na causa polas peaxes da AP-9
Por Natalia Puga |
-
Os afectados pola peaxe da AP-9 durante as obras de Rande, en contra de que o Estado estea persoado na causa
Por Natalia Puga |
-
O xuízo contra Audasa pola cobranza abusiva de peaxes, en febreiro e sen testemuños de ningún afectado
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía presenta unha demanda colectiva contra Audasa polo cobro "abusivo" da peaxe de Rande
Por Natalia Puga |