O actor Francis Lorenzo apadriña o novo albariño dos Domínguez
Por Redacción
El Cafetín acolleu a presentación dun viño relacionado cunha das familias máis coñecidas de Pontevedra, os Domínguez. O novo viño coñecido como Zianum foi elaborado pola Bodega Adega Dosan de Sanxenxo e está integrado dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas.
A presentación contou coa presenza do actor pontevedrés Francis Lorenzo, que recibiu a botella número un ao igual que o fundador da adega, Vicente Domínguez. Este caldo caracterízase pola súa elaboración realizada a partir de acios de pequenos viñedos da bisbarra do Salnés, dos que se extrae o mosto denominado "bágoa".
Segundo expuxo Íñigo Domínguez, un dos creadores de Zianum, realizouse "unha produción limitada xa que unicamente un 25% do viño elaborado na adega pode ser de bágoa".
Durante os últimos meses, varios vídeos de promoción percorreron as redes sociais con coñecidos pontevedreses promovendo este viño, entre eles, unha das integrantes da coñecida familia, Patricia Domínguez.
Unha porcentaxe da venda deste produto destinarase á ONGD Solidariedade Internacional de Galicia para o financiamento dos seus proxectos no exterior.