Moraña volve a licitar a mellora viaria de Chan de Amil e da contorna perimetral do Santuario dos Milagres
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de licitar novamente as obras de humanización e mellora viaria e peonil no núcleo da Chan, na parroquia de Amil, cunha remodelación integral da pista municipal de 648 metros de lonxitude que rodea ao Santuario dos Milagres e que une diversos espazos públicos da súa contorna perimetral, como a zona verde, a escola unitaria, a Casa da Cultura, o local cultural e o campo de fútbol.
Esta actuación foi adxudicada inicialmente, nun primeiro concurso, á empresa Nexia, pero a paralización repentina da súa actividade provocou a rescisión do contrato. Agora, o novo proceso de licitación ten aberto o prazo de presentación de ofertas ata este venres día 14 e a mesa de contratación reunirase o mércores 19 para a valoración das propostas.
A obra, orzamentada en 253.000 euros e cofinanciada ao abeiro do Plan Deporemse da Deputación de Pontevedra, consistirá no ensanchamento da sección da calzada ata os oito metros, para o cal foi preciso ocupar 1.900 metros cadrados das súas beiras.
A pista, que percorre o lugar da Chan e conecta polos dous extremos coa estrada EP-0018, contará, tras a súa remodelación, cunha calzada de 5,20 metros con carrís de 2,35 metros e unha beiravía de 50 centímetros. Ademais, haberá unha senda peonil de 2,50 metros de anchura e unha rigola de formigón de 30 centímetros que separará estes dous ámbitos e servirá para recoller e canalizar as augas pluviais.
A actuación completarase coa adopción de medidas de calmado de tráfico e pasos de peóns, a realización de desmontes, a reconstrución de muros de contención e a instalación do entubado e de pozos de rexistro, cada 40 metros, para a recollida das escorrentías.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, lembrou que a firma Nexia fixo acopio de materiais para empezar a obra, pero non a chegou a acometer e agarda que haxa comprensión cos prazos "porque estamos na mesma situación que moitos concellos e porque se trata dunha cuestión completamente allea ao Concello".
Ao respecto, indicou que a nova adxudicataria contará cun prazo de execución de tres meses.
Relacionadas:
-
A CIG reclama á Fiscalía que actúe de oficio no caso do peche da empresa Nexia
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A Deputación e o Concello de Moraña planifican actuacións nas vías provincias ata o ano 2023
Por Oskar Viéitez |
-
Comezan as obras para a mellora da contorna do santuario das Milagres de Amil
Por Redacción |