Os políticos locais, "preparados" para afrontar o adianto electoral en Galicia
Por Alejandro Espiño
A decisión de Alberto Núñez Feijóo de adiantar as eleccións galegas ao 5 de abril, coincidindo cos comicios en Euskadi, foi ben recibida nos políticos locais. Todos eles aseguran estar "preparados" para afrontar esta cita coas urnas.
O líder do PSdeG-PSOE, Tino Fernández, asegurou que este adianto "non nos colle por sorpresa" porque os socialistas entenden que o PP ten un proxecto "esgotado" para Galicia e que "non ten ideas" para abordar os "retos de futuro" aos que se enfronta a comunidade.
Tras lamentar que Núñez Feijóo deixase "esnaquizados" os servizos públicos, Fernández destacou que o PSOE, con Gonzalo Caballero á fronte, está "preparado" para gañar as eleccións e para gobernar Galicia e poñela "no lugar que lle corresponde".
Pola súa banda, a edil nacionalista Anabel Gulías recoñeceu estar "sorprendida" que sexa o lehendakari vasco "o que marque a axenda política de Galicia" e destacou a "covardía" do presidente galego por convocar unhas eleccións "precipitadas e apresuradas" cando, ata hai apenas uns días, "falaba de estabilidade política".
"Esa actitude covarde non lle vai a valer de nada", sinalou a concelleira do BNG, que explicou que no seu partido "levamos tempo preparados para abrir un tempo novo en Galicia" con Ana Pontón como presidenta. A súa formación, sinalou, ten "forza e capacidade" e é a única "que pensa nos galegos". Por iso, engadiu que "iremos a por todas" e que "non nos poñemos límites".
O presidente do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, difire da visión de PSOE e BNG e felicitou a Núñez Feijóo por tomar unha "decisión responsable" e poñer os intereses dos galegos "por encima de calquera outra consideración política ou partidista".
O goberno dos populares en Galicia achegou "responsabilidade, seriedade e estabilidade", defendeu Domínguez, que se mostrou "convencido" de que o PP revalidará a maioría absoluta, o que permitirá "manter a senda do crecemento económico e social" e ter "tempo suficiente" para deseñar as contas de 2021 e a "cita histórica" do próximo Xacobeo.
Relacionadas:
-
María Pierres encabeza a candidatura elixida pola militancia socialista para as eleccións do 5 de abril
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
Bará considera que as eleccións do 5 de abril poden significar a "liquidación política" do Partido Popular
Por Sara Iglesias & Cristina Saiz |
-
Galicia irá ás urnas o 5 de abril: Núñez Feijóo confirma o adianto electoral
Por Alejandro Espiño & Natalia Puga | Creada e actualizada