O BNG de Marín, contra o "modelo de mobilidade" do Concello na rúa do Sol
Por Redacción
O BNG de Marín denunciou esta semana a situación na que se atopa a rúa do Sol de Marín, unha vía na que a pesar de ser peonil desde o ano 2012 a circulación de vehículos é continua.
Así, indican que dende os primeiros días non se cumpriu a sinalización de dirección prohibida, pasando coches a todas as horas, mesmo aparcando en dobre fila, atrancando as entradas dos garaxes e provocando problemas cos repartidores que non poden facer uso da zona de carga e descarga para subministrar aos comercios da zona.
Os nacionalistas denuncian a falta de actuacións na rúa por parte do goberno municipal, a pesar de que está incluída no plan Arela, proxecto para a mobilidade e accesibilidade e renovación do casco histórico de Marín.
Así, sinalan que a problemática desta rúa afecta aos residentes e aos comerciantes dende hai 8 anos e teñen claro que "o modelo de mobilidade inventado polo PP de Marín e María Ramallo non resulta efectivo", xa que hai alternativas para solucionar dito problema e non se buscan solucións.