A rozadora, unha ferramenta para a reinsercion social dos reclusos da Lama
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas e o Centro Penitenciario da Lama renovaron o convenio mediante o cal un grupo de internos participan en proxectos de reinserción social a través da posta en valor do Camiño dos Arrieiros e da Área Arqueolóxica de Tourón.
Os internos, acompañados por persoal municipal e do Institucións Penitenciarias, realizan estes días labores de roza en diversos tramos da Ruta do Camiño dos Arrieiros que transcorre por todo o municipio dende a parroquia de Forzáns ata Pontevedra.
Outra das actividades nas que participan os internos é na limpeza e adecuación dos sendeiros que dan servizo aos distintos conxuntos rupestres da Área Arqueolóxica de Tourón. A actuación dos internos é decisiva para garantir a accesibilidade e posta en valor dos petroglifos existentes na zona.
Este convenio que leva en vigor dende hai varios anos, pretende dar a oportunidade aos internos de afondar na súa reinserción social e laboral ao tempo que contribúen co seu traballo a conservar e poñer en valor elementos de interese xeral.
Permítelles sentirse útiles para a sociedade no seu camiño cara á reinserción
Dous días á semana, os internos son recollidos por persoal municipal a primeira hora da mañá e son provistos de material de protección laboral así como rozadoras para proceder de xeito axeitado a realizar os traballos de limpeza nas rutas de sendeirismo que atravesan o municipio.
Os internos, que participan voluntariamente neste proxecto, valoran moi positivamente a iniciativa que contribúe a romper a súa rutina diaria ao tempo que lles permiten sentirse útiles para a sociedade no seu camiño cara á reinserción.