Ordenan ao Concello negociar unha mellor organización do traballo da Policía Local
Por Alejandro Espiño
Un xulgado de Pontevedra vén de estimar o recurso contencioso-administrativo presentado polo sindicato Comisións Obreiras para forzar ao goberno municipal a negociar e implantar un cadro de servizos para organizar as quendas de traballo na Policía Local.
A sentenza determina que a actual organización "non é conforme a dereito" e condena ao Concello a negociar e implantar cuadrantes de servizo que teñan en consta as necesidades especiais en datas e eventos periódicos.
O obxectivo é que, ao mesmo tempo que se cubra o servizo de forma axeitada, se respecten os dereitos laborais dos axentes da Policía Local e os seus respectivos descansos, se eviten o uso "excesivo e habitual" das horas extra ou non se poidan retirar permisos e libranzas previstas.
Ademais, este sistema ten que garantir que se respecten os períodos de descanso diarios sen solapalos cos correspondentes a descansos semanais, permisos e vacacións.
O actual cuadrante, fixado desde os anos oitenta, marca ciclicamente todas as xornadas ordinarias de traballo e, segundo a xustiza, "non é inamovible" e ante o tempo que leva establecido "cabe valorar" que poida ter quedado "obsoleto" ou que "non sexa adecuado" para as circunstancias actuais da Policía Local.
Esta circunstancia, engade a sentenza, "reforza mesmo a consideración de que poida ser demasiado aséptico ou afastado das necesidades reais", polo que non daría resposta "ao que realmente debe atender un cuadrante de servizos".
Aínda que este fallo aínda non é firme, o Concello anunciou que non a recorrerá e avanzou que, da man do novo director xeral de Recursos Humanos, presentará en breve unha proposta aos sindicatos para regular as quendas de traballo na Policía Local.