O alcalde recibe os alumnos de intercambio de Filadelfia: "Welcome to Pontevedra!"
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Lores, deulle a mañá deste luns, a benvida aos alumnos de intercambio de Filadelfia. Os estudantes, que chegaron o domingo pola tarde, estarán os próximos 10 días na cidade. Os 15 alumnos estadounidenses convivirán cos alumnos do Frei Martin Sarmiento e as súas familias, asistindo con normalidade ás leccións impartidas na aula e realizando distintas actividades entre as que se inclúe a visita a outros lugares de Galicia como Santiago ou Bueu.
Lores explicou aos estudantes o esforzo que se fixo en Pontevedra para convertela nunha cidade dedicada aos peóns. Segundo datos do propio rexedor, desde 2011 non hai mortos por atropelos na cidade. Tamén falou sobre a contaminación e o cambio climático, e sobre a remodelación que se levou a cabo na cidade. O alcalde aproveitou para exhibir o premio Onu Habitat, que segundo afirmou, foi outorgado por crear unha cidade pensada para as persoas.
Tras acabar o discurso, os mozos comentaron algunhas das cousas que máis lles chamaban a atención na súa chegada a Pontevedra, como a arquitectura das igrexas e edificios. O alcalde animounos a gozar da cidade, da compañía dos alumnos do Frei Martin e da gastronomía local, como o polbo á feira, a tortilla de patacas ou unhas luras fritas.
Unha vez acabada a charla, o alcalde achegouse a charlar coas profesoras que acompañaban aos alumnos. Unha delas, que veu de intercambio cos estudantes non dubidou en pedirlle un selfie a Fernández Lores para ter un recordo da súa visita á alcaldía de Pontevedra.