Alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral galego
Por Redacción
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior de Vicepresidencia da Xunta de Galicia ampliou durante este luns a alerta laranxa por temporal costeiro a todo o litoral galego.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) establecía alerta inicialmente ao noroeste e oeste da Coruña e Lugo pero decidía ampliar a partir do mediodía deste luns ao suroeste da Coruña e á provincia de Pontevedra.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Emerxencias 112 Galicia aconsella adoptar as medidas oportunas para garantizar a seguridade de bens materiais e de persoas.
Neste sentido, desde a administración autonómica aconsellan a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva nas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade no momento en que sexa preciso realizar algunha actividade no mar, ademais de revisar e asegurar os cabos e amarres das embarcacións.
Entre outras recomendacións, a Xunta lembra que se debe evitar camiñar na liña de costa en lugares como diques, rompentes, espigóns, peiraos, praias, paseos marítimas e todas aquelas zonas que poidan sufrir as inclemencias do mar. Tamén se pide á cidadanía que evite aproximarse a balcóns e xanelas, ademais de vixiar para evitar que poidan desprenderse obxectos desde zonas elevadas.