Greta Thunberg, referencia no Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia en Pontevedra
Por Sara Iglesias
Con motivo do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, que se celebra o 11 de febreiro, a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, presentou o programa 'O fenómeno Greta Thunberg', que se vai levar a cabo o venres 14 de febreiro.
As actividades serán dous encontros con varias investigadoras de renome, aínda que, segundo manifestou Fouces, "o mundo da ciencia é bastante oculto aos medios de comunicación e a poboación en xeral", polo que é posible que non sexan coñecidas pola cidadanía. A selección do tema ten que ver coa intensa actividade en contra do cambio climático da coñecida activista sueca Greta Thunberg, escollida polo feito de ser unha muller, sendo isto "un indicio de que as cousas comecen a cambiar. Hai algo que nos está dicindo que as mulleres están tomando protagonismo no ámbito da ciencia, algo que noutros tempos sería moito máis complicado", manifestou Fouces.
"As mulleres están tomando protagonismo no ámbito da ciencia, algo que noutros tempos sería moito máis complicado", manifestou Fouces
Por outra banda, o cambio climático está provocando que a mocidade se mobilice na súa contra e o combata, atendendo a discursos de persoas influentes como Thunberg. Isto ten moito que ver co modelo de cidade de Pontevedra, un modelo sustentable, pensado nas persoas e respetuoso co medio ambiente, segundo palabras da concelleira.
En canto ás actividades, pola mañá do venres, ás 11:00 horas, haberá no Teatro Principal un encontro da científica e divulgadora portuguesa Joana Magalhães co estudantado. Esta actividade está pensada para alumnos de último ciclo de educación primaria de 1º e 2º da E.S.O. Magalhães é doutora en Bioquímica e Bioloxía Molecular. Ademáis, é membro da Xunta Directiva da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT Nodo de Galicia) e da Associaçao Viver a Ciência.
Pola tarde, as 20:00 horas, realizarase na Casa das Campás unha mesa redonda chamada 'Muller e Ciencia', aberta ao público. Estarán presentes Xana Álvarez Bermúdez, Graduada en Enxeñería Forestal, a investigadora do CSIC e antiga directora da Misión Biolóxica de Galicia Rosana Malvar Pintos, e as matemáticas Peregrina Quintela Estévez e Elena Vázquez Abal. Fouces quixo remarcar que "o ámbito da ciencia está moi masculinizado, temos que visibilizar a mulleres que son moi válidas dentro dese terreo".
Para asistir, o estudantado pode apuntarse no Servizo de Normalización Lingüística e na alcaldía, e recibirán toda a información mediante correo electrónico.