Galáurea cumpre coas nóminas do seu persoal sen cobrar as facturas de Lalín
En relación á noticia publicada o venres pasado en prensa, a dirección de Galáurea desexa manifestar o seguinte:
Á finalización do contrato desta empresa co Concello de Lalín, en setembro, este non quixo proceder a facer uso da prórroga prevista no mesmo e preferiu optar por unha nova contratación que denominaron "mantemento do contrato", unha figura que nin sequera contou co informe favorable do departamento de Intervención municipal. Esta figura conleva que para proceder ao pago das facturas, estas deban ser primeiro aprobadas polo pleno municipal. Evidentemente, esta esixencia retarda o pago das facturas, pero esa circunstancia non é responsabilidade desta empresa, senón do Concello por non activar a prórroga contractual.
Por parte de Galáurea, desde o mes de setembro de 2019 non houbo nin un só atraso no pago e este realizouse de forma continuada sen problemas ou complicacións.
O mércores día 5 de febreiro de 2020, a empresa ponse en comunicación coa Concellería de Servizos Sociais de Lalín para pedir explicacións polo atraso no pago da factura de DECEMBRO DE 2019, e infórmase á empresa que tardarán en facer o abono da factura de DECEMBRO DE 2019 polo menos 15 días máis.
A empresa informou, tal e como é a súa obrigación, ao comité sindical do atraso na cobranza da factura de decembro de 2019, o que non permitía facer o pago de TODAS as nóminas das traballadoras do SAF de Lalín.
Por iso, desde o día 5 de febreiro Galáurea realizou xestións con outros concellos da zona cos que traballa a empresa para solicitar que adianten o pago do mes de xaneiro de 2020, xestión que resultou exitosa, e grazas a eles O VENRES A MEDIA MAÑÁ procedeuse a abonar todas as nóminas, aínda cando o concello de Lalín non realizou o pago da factura de DECEMBRO DE 2019.
Ata a data, Galáurea non realizou comentario algún sobre esta situación para non xerar unha intranquilidade nin molestias innecesarias nin aos usuarios, nin aos traballadores nin ao Concello, pero por mor da noticia publicada o pasado venres vímonos obrigados a aclarar a situación, dado que SE ESTÁ CUESTIONANDO O PRESTIXIO DE GALÁUREA DE FORMA INXUSTA DADO QUE A SITUACIÓN XERADA NON É EN ABSOLUTO RESPONSABILIDADE DESTA EMPRESA.
Galáurea presta un servizo para o que foi contratada, pero non é a súa función financiar nin asumir as débedas do Concello de Lalín, que ten a obrigación de abonar en prazo as facturas, como así se comprometeu en setembro do ano 2019 nunha reunión mantida coa administración da empresa e as representantes dos traballadores, na cal se asegurou que, a pesar de que as facturas debían ser aprobadas polo pleno, comprometíanse á súa máxima rapidez no pago.
Por último temos que informar de que a última hora do mediodía do venres a Sra. Concelleira de Servizos Sociais comunicou a Galáurea que se tramitará a factura o vindeiro luns, pero en todo caso xa se lle manifestou que Galáurea xa abonara as nóminas dúas horas antes a pesar de non cobrar aínda do Concello de Lalín.
Tamén temos que informar que o Concello ten pendente de abonar as diferenzas por incremento de custo desde xaneiro a setembro do ano 2019 un importe de aproximadamente 40.000,00 €, razón pola cal Galáurea iniciou un procedemento xudicial para a súa reclamación presentado o día 31 de xaneiro.
Galáurea quere informar a os usuarios e traballadoras de SAF que se mantén o servizo nas mesmas condicións, como se veu xestionando ata o de agora, cun alto nivel de calidade e implicación.
A Dirección de Galáurea quere agradecer a todas as traballadoras do SAF, delegadas sindicais e equipo técnico a súa extraordinaria implicación e profesionalidade en todo momento.