Máis de 8.500 pontevedreses xa están na plataforma dixital É-Saúde
Por Redacción
Un total de 8.510 persoas que reciben asistencia nos centros sanitarios da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés adheríronse á plataforma dixital É-Saúde, unha ferramenta do Servizo Galego de Saúde dirixida a pacientes e cidadáns que permite acceder a unha serie de servizos interactivos e contidos personalizados de saúde dende calquera dispositivo conectado a Internet.
É-Saúde posibilita a estas persoas consultar e xestionar as súas citas, revisar a súa folla de tratamentos, os informes de TAO -sintróm-, os informes de alta, informes de probas diagnósticas, informe do calendario de vacinacións infantís, entre outras prestacións directamente dende o seu móbil, ordenador ou tablet con conexión a Internet e dende calquera punto da xeografía.
Así mesmo, a plataforma dixital É-Saúde facilita o acceso á axenda de citas en Atención Primaria ou Especializada actualizada, posibilitando completala con citas e eventos persoais. Deste xeito, o paciente, dende o seu propio teléfono móbil, pode consultar cando recoller unha receita na farmacia, ir a unha consulta médica, realizar unha proba diagnóstica ou facer as actividades de promoción da saúde que tivera programadas.
A plataforma ofrece, ademais, acceso a todos os cursos de formación da Escola Galega de Saúde para cidadáns e dos cursos xestionados polas asociacións de pacientes.
A través da plataforma, os pacientes da área sanitaria poden consultar servizos ou participar nas comunidades entre o persoal médico e de enfermería e outros pacientes, e nas asociacións de pacientes que permitan contactar con outros doentes cos que compartir dúbidas, recomendacións de hábitos de vida, etc.
Ademais, É-Saúde permite que os pais, nais e titores -no caso dos menores de idade- ou os representantes legais ou persoas expresamente autorizadas polo paciente no caso dos maiores, accedan no nome dos titulares aos servizos telemáticos personalizados que se ofrecen neste dispositivo. Este acceso delegado posibilita xestionar de modo máis directo e áxil os procesos de saúde a través dunha terceira persoa autorizada para o efecto.
Poden facerse usuarias de É-Saúde as persoas que reciban asistencia sanitaria pública en centros da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e que dispoñan de tarxeta sanitaria do Servizo Galego de Saúde. Para facelo, deben acceder á páxina web da plataforma e crear unha conta cubrindo un formulario.
Relacionadas:
-
Preto de 120.000 usuarios da sanidade pública pontevedresa xa están na plataforma dixital É-Saúde
Por Redacción |
-
Aumenta o número de atencións sanitarias nos hospitais de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción |
-
Máis de 5.500 pacientes da área sanitaria sumáronse á plataforma dixital É- Saúde
Por Redacción |
-
Máis de 2.300 pacientes da área sanitaria utilizan os servizos interactivos do Sergas
Por Redacción |