Eliminan unha vertedura de augas residuais ao río Gafos en Cabanas-Salcedo
Por Redacción
Augas de Galicia acaba de constatar a eliminación dun punto de vertido de augas residuais que afectaba ao río Gafos ao seu paso polo lugar de Cabanas, na parroquia pontevedresa de Salcedo.
Segundo a información facilitada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, o punto de vertido foi localizado durante labores rutineiros de inspección. O persoal técnico da Xunta constatou a existencia dun aporte de auga residual cara a marxe dereita do río Gafos, localizando a súa orixe na rotura dun pozo de rexistro da rede municipal de saneamento que discorre pola marxe do curso fluvial nesta zona.
Augas de Galicia comunicoulle ao Concello de Pontevedra e á empresa concesionaria do servizo municipal de augas a necesidade de acometer as actuacións necesarias para suprimir este punto de vertido.
O Concello e a concesionaria actuaron e recentemente, os técnicos da Xunta Galicia realizaron unha nova inspección e constataron a reparación da deficiencia no pozo de rexistro que orixinaba o vertido, e o cese dos aportes contaminantes.