A xuízo por tentar matar o seu compañeiro de piso tras unha discusión polo mando da televisión
Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o vindeiro xoves 13 de febreiro a A. B. P., un home acusado de tentar matar a coiteladas ao seu compañeiro de piso en Marín tras recriminarlle que puxese cinta illante no mando do televisor.
A Fiscalía pide que sexa condenado a cinco anos de prisión como autor dun delito de homicidio en grao de tentativa no que aprecia a circunstancia atenuante da responsabilidade penal de adicción a substancias estupefacientes e pide que se teña en conta que se atopaba baixo os efectos do alcol e as drogas no momento de cometer os feitos.
Os feitos ocorreron hai pouco menos dun ano, o 26 de febreiro de 2019, cando o acusado e a vítima vivían xuntos nun piso de Marín porque ambos se desprazaron á zona por traballo. Esa noite, sobre as 22.00 horas, estaban no domicilio e iniciouse unha discusión polo mando a distancia.
Segundo o relato dos feitos da Fiscalía, o procesado recriminou ao seu compañeiro de piso a colocación da cinta illante no mando e, "con intención de acabar coa súa vida", tentou cravarlle un coitelo na barriga.
O compañeiro de piso logrou apartarse, pero el volveu tras el e dirixiulle varias coiteladas á cabeza e o abdome. Non conseguiu cravarlle ningunha pola oposición do outro implicado.
O escrito de acusación da Fiscalía recoñece que o acusado, que ingresou en prisión provisional ao día seguinte, consumira cocaína e alcol e que esa circunstancia produciulle "unha leve diminución das súas facultades".