A circulación na Seara volverá a ser de sentido único mentres non se retoman as obras de humanización
Por Redacción
O Concello de Poio acometerá pequenas melloras no núcleo da Seara mentras non se retoman as obras de humanización paralizadas desde hai varias semanas pola situación que atravesa a empresa adxudicataria, Nexia Infraestructuras.
A Administración local está a punto de culminar os trámites burocráticos necesarios para rescindir o contrato tanto deste proxecto como dos traballos que a entidade tamén deixou inacabados no novo vial da Caeira, así como o correspondente á mellora do Camiño Lameiriña, na parroquia de Raxó, se ben este non chegou a comezar.
A tenente de alcalde e responsable de Obras e Servizos, Chelo Besada; a concelleira de Participación Veciñal, Silvia Díaz; o edil de Urbanismo, Gregorio Agís, e o titular de Facenda e Patrimonio, Xulio Barreiro, mantiveron unha reunión durante a tarde do pasado xoves con máis de 40 veciños da Seara para explicarlles os pasos dados polo Goberno local para reactivar unha reforma que, tal e como lembrou a propia Besada, "está nesta situación polo que sucedeu en Nexia e a xente é plenamente consciente diso". O encontro serviu para que os residentes neste núcleo da parroquia de San Salvador desen traslado dalgunhas peticións para tratar de mellorar, na medida do posible, o estado do vial mentres que non se fai efectiva a nova saída a concurso do proxecto.
Neste sentido, a Administración municipal confirma que se retomará a dirección única mentres non se reactiven as obras. Chelo Besada indicou que, co inicio dos traballos, estableceuse a circulación en dobre sentido. Esta medida adóptase dando resposta á petición dos veciños. Para iso, cubrirase a sinalización instalada no comezo das obras.
Ademais, a Policía Local xa pasou revista á contorna para adoptar esta medida canto antes. A tenente de alcalde tamén se comprometeu a realizar un pequeno recheo nas zonas do camiño nas que se van instalar lombos. “Son tramos que están sen adoquinar para poder poñer eses lombos. Tomamos esta medida para evitar que os vehículos que circulen pola Seara sufran danos”, informou a concelleira de Obras, que sinalou que, a maiores, acometeranse tarefas de limpeza e mantemento.
Besada agradeceu a implicación dos veciños e a súa comprensión ante o imprevisto xurdido a raíz dos problemas padecidos por Nexia. “A xente é consciente de que antes de retomar as obras é necesario rescindir o contrato”, aseverou. Para iso, os técnicos municipais xa están valorando os traballos realizados, para poder sacar de novo a concurso o proxecto. Precisamente, na última Xunta de Goberno Local deuse conta da rescisión da adxudicación, despois de ofrecer á empresa un prazo de cinco días para que informarse formalmente das razóns polas que as obras estaban paralizadas. A entidade nunca chegou a poñerse en contacto co Concello, tal e como subliña Besada.
Relacionadas:
-
324.000 euros para rematar as obras de humanización da Seara
Por Redacción |
-
O Concello convoca aos veciños da Seara para informar da situación da obra de Nexia
Por Redacción |
-
A Inspección de Traballo citará o representante de Nexia a vindeira semana para analizar responsabilidades
Por Anxo Lourido |
-
Preocupación en Poio pola paralización das obras na Seara e no novo vial da Caeira
Por Redacción |