Rebaixas de máis do 50% na feira de oportunidades Stock Pontevedra
Por Sara Iglesias & Cristina Saiz
O Recinto Ferial acolle a décimo sétima edición de Stock Pontevedra, a feira de oportunidades impulsada polo Centro Comercial Urbano Zona Monumental que deu comezo este venres 7 de febreiro.
No evento están presentes 55 expositores cunha multitude de ofertas en téxtil, calzado, mobles, maquillaxe, produtos galegos, óptica, venta de seguros e electrodomésticos entre outros, ata o próximo 9 de febreiro. Así, esta feira é unha boa oportunidade para darlle fin ás rebaixas de xaneiro e dinamizar o comercio local, tal e como dixo a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco.
A organizadora desta iniciativa, Mónica Tomé, asegurou que "esta feira conta cun sinfín de oportunidades para todo o mundo", e tamén invitou á cidadanía a asistir o evento. Aínda que o comercio cambiou moito nestes case 20 anos, a organización asegura que a feira segue a funcionar, e esperan alcanzar a afluencia de público de anos anteriores, onde chegou á cifra de 12.000 asistentes en 2019.
Algúns dos comerciantes participan na proposta desde o comezo, hai dezasete anos. Un deles é a peletería Araújo, a cargo de Herminio Araújo. Segundo o propietario, cada ano descontan os artículos que mostran ata a metade de prezo, e adoitan vender un vintecinco por cento da mercancía que non conseguiron vender con anterioridade.
Por undécimo ano consecutivo, a firma alemá Vowerk, distribuidora de electrodmésticos, ocupa un stand na feira, cunha oferta de robots de limpeza e aspiradoras, entre outros. A representante do posto, Rosa Blanca, explicou o funcionamento da compra: os interesados fan o contrato de compra do produto e uns días máis tarde o reciben na súa casa, cunha proba gratuíta. "Este tipo de productos tienen muy buena aceptación y venir la feria compensa", asegurou Blanca.
Para todas aquelas familias con nenos que queiran asistir, no prezo da entrada inclúese o servizo de gardería, que conta con xoguetes e inchables para a diversión dos pequenos.
Este ano, o prezo da entrada é de un euro, máis barata que anos anteriores. A feira pode visitarse en horario de 11:00 a 21:00 horas.