Medio Rural renova o firme na pista central de Cartamil
Por Redacción
A Consellería de Medio Rural está a acometer un novo investimento no Concello de Moraña consistente na mellora de infraestruturas rurais no lugar de Cartamil, na parroquia de Amil, onde se está a acometer unha renovación completa do firme con limpeza de marxes na súa pista central.
Esta obra foi solicitada polo goberno local polo seu interese xeral e acadouse tras a sinatura do correspondente convenio de cooperación entre ambas administracións, xa que o Concello tivo que encargarse da cesión dos terreos libres de cargas.
Esta actuación, que se rematará nos vindeiros días tras estar parada varias semanas polas choivas, foi supervisada pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, que explicou que conta cun orzamento de 40.000 euros que vai ser financiado integramente pola Xunta de Galicia.
Os traballos a executar consisten no aproveitamento da plataforma coa súa propia anchura a través dunha fonda limpeza, xa que co paso do tempo a vexetación minguou a superficie da calzada, e a dotación dunha nova capa asfáltica en quente que corrixa as irregularidades actuais do firme.
A alcaldesa, que destacou que a parroquia xa se beneficiou recentemente doutras melloras en Barro e Torre de Abaixo, quixo agradecer a "ampla e constante colaboración" da Xunta no mantemento e mellora das infraestruturas no municipio e lembrou que o executivo galego xa concedeu outra partida, tamén de 40.000 euros, para o acondicionamento integral, este mesmo ano, da pista que une os lugares do Souto, Aldea da Fonte e Grixó –na parroquia de Lamas– co entronque da estrada autonómica PO-226.