Os afectados pola peaxe da AP-9 durante as obras de Rande, en contra de que o Estado estea persoado na causa
Por Natalia Puga
A asociación En-Colectivo, que engloba a persoas afectadas pola cobranza das peaxes da autoestrada AP-9 A durante as obras de ampliación da ponte de Rande, mostrou este xoves o seu rexeitamento a que a Avogacía do Estado se persoase na causa xudicial aberta no Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra e que chegará a xuízo a próxima semana. Os prexudicados xa manifestaran a súa oposición a esta circunstancia no pasado, cando Audasa pedira a comparecencia do Estado, e agora repíteno.
Este rexeitamento de En Colectivo chega agora porque a comparecencia da Avogacía do Estado, en representación do Ministerio de Fomento e a Administración Xeral do Estado, notificouse o pasado 28 de xaneiro, a escasos días do comezo da vista oral, fixada para os días 11, 12 e 13 de febreiro.
A asociación oponse aos argumentos manifestados pola Avogacía do Estado para comparecer no procedemento iniciado a pedimento da Fiscalía de Pontevedra contra a empresa concesionaria da autoestrada AP-9, Audasa, pola cobranza "abusiva" da peaxe de Rande durante as obras de ampliación a pesar das restricións de tráfico.
A causa ten a súa orixe nunha demanda colectiva presentada pola Fiscalía Provincial á que se adheriron dúas asociacións de afectados, Adicae e En Colectivo, e outros oito prexudicados particulares. Fronte aos argumentos de todos, a Avogacía do Estado considera que os feitos que se xulgarán refírense ao ámbito xurídico administrativo e non ao civil, e que neste sentido Audasa cumpriu como concesionaria, non vulnerando norma algunha de contratación pública.
En Colectivo critica que esta argumentación da Avogacía do Estado supón un apoio á tese de Audasa e, por tanto, unha manifestación expresamente en contra do criterio dos afectados, que consideran que os servizos prestados pola empresa durante o período de obras non cumpriron coas garantías que lle son esixibles como concesionaria sen que os usuarios da vía fosen compensados de forma algunha.
Ademais, a Avogacía do Estado apunta no seu escrito o posible prexuízo económico que unha eventual estimación da demanda podería supoñerlle, como xustificación última da súa persoación.
O xulgado xa deu traslado ás partes deste escrito para que formulen as alegacións que estimen pertinentes. En Colectivo oponse aos argumentos manifestados pola representación do Estado por considerar precluído o trámite para formular alegacións dada a fase do procedemento xudicial. Así mesmo, reitera os argumentos no seu día xa estimados polo xulgado para abordar a cobranza das peaxes na AP-9 durante as obras debe tratarse #ante a xurisdición civil por afectar directamente a consumidores e usuarios.
Diego Maraña, presidente de En Colectivo, considera que é "rechamante" que o Estado compareza de forma tan tardía, cando puido ter coñecemento da existencia do procedemento xudicial moito antes e que a Avogacía do Estado presentase un escrito no que evidencia un coñecemento amplo dos escritos de demanda e contestación que obran nos autos, a pesar de indicar que ata a data non tiña constancia algunha do expediente judicia..
En Colectivo reclama a devolución das peaxes e o interese xerado neste tempo, o que supón unha contía próxima aos 200.000 euros. Ademais, lembra que os consumidores, autónomos e empresas afectados aínda poden unirse á reclamación pola cobranza abusiva das peaxes a través da web www.en-colectivo.com.
A Fiscalía pide que se condene a Audasa a reintegrar aos usuarios o dobre do importe das peaxes que fosen abonados no tramo da contorna da ponte de Rande durante os tres anos que duraron as obras de ampliación a condición de que sufrisen atascos ou retencións superiores a dez minutos, que sería o dobre do tempo estimado para percorrer ese tramo.
Ademais, os fiscais Alejandro Tuero González e Santiago Miguel Cruces aspiran a que o xulgado dite unha sentenza que declare a nulidade da práctica de Audasa de cobrar integramente a peaxe da autoestrada en todo caso, sen moderar ou eliminar o seu importe cando non se está prestando o servizo en condicións suficientemente satisfactorias de fluidez e/ou seguridade do tráfico.
Relacionadas:
-
Técnicos da DGT e Audasa negan os atascos na AP-9 durante as obras de Rande e falan de tráfico "fluído"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O xuíz da causa das peaxes de Rande ve "indudable" que o Estado defende os intereses de Audasa
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
O PP acusa o Goberno de defender a Audasa en contra dos usuarios da AP-9
Por Redacción |
-
A Fiscalía únese aos afectados na súa oposición a que o Estado estea persoado na causa polas peaxes da AP-9
Por Natalia Puga |
-
O xuízo contra Audasa pola cobranza abusiva de peaxes, en febreiro e sen testemuños de ningún afectado
Por Natalia Puga |
-
Rexeitan incorporar a Fomento como demandado polo cobro abusivo de peaxes na AP-9
Por Redacción |
-
O xulgado anima aos prexudicados a persoarse na causa pola peaxe abusiva de Rande
Por Natalia Puga |
-
A Fiscalía presenta unha demanda colectiva contra Audasa polo cobro "abusivo" da peaxe de Rande
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra protesta polos "abusivos" peaxes da AP-9
Por Alejandro Espiño |