Traballadores da cociña do Hospital Provincial denuncian a aplicación de recortes nos seus salarios
Por Anxo Lourido
Un grupo de máis de vinte traballadores de cociña do Hospital Provincial concentráronse na entrada do centro sanitario para reclamar o pagamento do diñeiro que a empresa adxudicataria, Mediterránea de Catering, non lles está a ofrecer dende o momento en que o Goberno iniciou os recortes aos funcionarios.
Segundo sinalaba a delegada de Comisións Obreiras, Esther Barros, "a empresa está a aplicarnos uns acordos que non debían. Está a recibir o diñeiro íntegro e os traballadores non o recibimos". A representante sindical indicaba que intentaron falar coa dirección do SERGAS e enviaron escritos á Consellería sen recibir resposta.
Neste sentido tamén se pronunción o secretario comarcal de Comisións Obreiras, José Luis García Pedrosa, que indicou que se está a aplicar a "redución da paga extra e na extra de decembro se lle suprimiu por completo. Pero os concursos foron presupostados para que non houbera ningunha redución". Por iso, Pedrosa indica que a empresa se está a apropiar dun diñeiro que non lle corresponde porque o grupo de máis de 34 traballadores de Mediterránea de Catering "non é persoal da Xunta". E por este motivo, o líder sindical denuncia que "existe unha situación de complicidade do Complexo hospitalario, a xerencia pasa deste asunto".
Durante esta semana e a próxima desenvolverán concentracións diante do Hospital Provincial para reclamar que non continúen reducíndolles os seus salarios.