O Concello convoca aos veciños da Seara para informar da situación da obra de Nexia
Por Redacción
O Salón de Plenos do Concello de Poio acollerá este xoves, a partires das 20.30 horas, unha reunión informativa, na que a concelleira de Obras e tenente de alcalde, Chelo Besada, dará conta aos veciños do lugar da Seara, na parroquia de San Xoán, da situación na que se atopa o proxecto de humanización desta contorna, despois da paralización das obras por parte da empresa Nexia Infraestruturas.
Besada explicará neste encontro os pasos que está a realizar o Goberno municipal para tratar de reactivar os traballos no menor tempo posible. Neste sentido, cómpre lembrar que na última Xunta de Goberno Local, que tivo lugar o martes, xa se abordou a rescisión de contrato coa firma, que tamén deixou sen finalizar a construción dun novo vial na Caeira, na parroquia de San Salvador.
Trátase dunha situación que, tanto no caso da Seara como da Caeira, é responsabilidade da empresa. Agora, a entidade dispón dun prazo de dez días para presentar as alegacións que considere oportunas. Unha vez resoltas (en caso de que se presenten), comezarán as xestións para volver a sacar a concurso o proxecto. Previamente, os técnicos municipais pasarán revista ao estado da obra, para determinar que traballos restan aínda por realizar.
O Concello de Poio tratará de axilizar ao máximo a contratación dunha actuación que contemplaba a mellora de servizos e do firme, entre outras tarefas. Trátase dun proxecto que foi financiado no seu momento a través do Plan Deporemse, impulsado pola Deputación de Pontevedra como unha modalidade de asistencia económica aos concellos, conforme ás súas necesidades en clave de infraestruturas e dando prioridade á seguridade dos peóns.
O Goberno local tamén volverá a sacar a licitación a mellora do Camiño Lameiriña, na parroquia de Raxó. Neste caso, confíase en que os prazos sexan máis curtos, xa que Nexia non chegou a comezar esta obra.
Relacionadas:
-
Marconsa executará as obras de mellora da Seara cun orzamento de 290.000 euros
Por Redacción |
-
Poio ampliará a mellora da Rúa Lameiriña ata o núcleo de Caneliñas
Por Redacción |
-
324.000 euros para rematar as obras de humanización da Seara
Por Redacción |
-
A CIG reclama á Fiscalía que actúe de oficio no caso do peche da empresa Nexia
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
A circulación na Seara volverá a ser de sentido único mentres non se retoman as obras de humanización
Por Redacción |
-
A Inspección de Traballo citará o representante de Nexia a vindeira semana para analizar responsabilidades
Por Anxo Lourido |
-
O Concello de Pontevedra inicia o proceso de rescisión do contrato á empresa Nexia
Por Oskar Viéitez |
-
Preocupación en Poio pola paralización das obras na Seara e no novo vial da Caeira
Por Redacción |