Comeza a tempada de furanchos en Marín
Por Redacción
Xa é febreiro e en Marín é tempada de furanchos. Na vila marinense estes populares establecementos poden exercer a súa actividade entre o 1 de febreiro e o 30 de xuño. A concellería de Turismo informou este martes que aqueles interesados en abrir un furancho xa poden iniciar os trámites, pero advirten de que só poderán abrir durante un máximo de tres meses.
No municipio marinense considéranse furanchos todos aqueles locais que se utilizan principalmente para a venda privada por parte dos produtores do excedente do viño da consecha elaborada en casa. Con todo, a normativa permite acompañar os caldos con tapas. A ordenanza recolle tamén o regulamiento dos loureiros, cuxa única diferenza radica en que a comida a leva o propio cliente.
O menú que se pode servir nestes establecementos só pode conter as seguintes tapas: orella ou chourizo, zorza ou raxo, callos ou costela, tortilla e empanada. O viño para servir só poderá ser aquel que teña orixe nos viñedos emprazados en Marín ou na súa comarca e deben estar regularizados no Rexistro Vitícola de Galicia.
A taxa que deben pagar os furancheiros oscila entre os 100 euros daqueles locais que vaian vender menos de 500 litros ou os 350 euros daqueles que teñan previsto superaar os 2.500 litros.
Ademais de estar rexistrados no Rexistro Municipal de Furanchos e Loureiros, estes locais deben cumprir un horario de apertura comprendido entre as 12 e as 00 horas, cunha hora nocturna adicional os venres e sábados. Así mesmo a súa superficie non poden exceder os 150 metros cadrados, nin ser menor de 10.