Stock Pontevedra abre as súas portas este venres no Recinto Feiral
Por Redacción
Este venres 7 de febreiro iníciase Stock Pontevedra 2020. Esta 17ª edición contará con máis de 50 expositores.
Nesta nova edición, entre os expositores, haberá produtos dun amplo e variado rango de sectores: téxtil (moda home, muller, íntima, infantil...) peletería, complementos, calzado, decoración, antigüidades, deportes, fogar, óptica, entre outros.
Estas empresas elixen a Feira do Stock de Pontevedra para darse a coñecer e liquidar os produtos almacenados nos seus establecementos, dado que hai que lembrar que o fluxo de visitantes é moi elevado durante os tres días.
Do mesmo xeito que en anteriores edicións haberá servizo de gardería gratuíto, onde poder deixar aos nenos atendidos por profesionais cualificados mentres os clientes realizan as súas compras e tamén dispoñerán de servizo de cafetería.
Este ano o prezo da entrada será dun euro, importe que axuda a completar o financiamento da feira, e a sufragar gastos como montaxe, persoal, seguridade e limpeza. Os organizadores baixaron o prezo, xa que por primeira vez contan cunha colaboración económica por parte da Concellería de Promoción Económica do Concello de Pontevedra.
O horario de Stock Pontevedra será de 11 a 21 horas, desde o venres día 7 ao domingo 9 de febreiro de 2020.