Abren unha investigación interna sobre unha traballadora social municipal que daba citas a persoas falecidas
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Concello de Pontevedra mantén aberto un proceso de investigación interna para aclarar posibles irregularidades cometidas por unha traballadora social municipal. Así, detectouse que esta empregada pública daba citas a persoas non susceptibles de ser beneficiarias do servizo de Benestar Social e decidiuse a apertura dunha actuación a nivel interno para determinalo.
Segundo puido saber PontevedraViva, esta traballadora social daba citas a persoas que estaban falecidas; a outras que estaban ingresadas en centros de atención e, por tanto, non dependían deste servizo; e a outras que xa non eran usuarias deste departamento porque os seus expedientes xa levaban tempo pechados por distintos motivos.
O proceso de expediente abriuse a finais do ano pasado e é resultado dunha decisión do propio Concello unha vez que tiveron coñecemento do que estaba a ocorrer. Designouse un funcionario municipal como instrutor da investigación, que aínda ten por diante dous meses de traballo.
Así, o protocolo interno para este tipo de situacións estipula que hai un prazo de investigación de tres meses e, unha vez finalizado, o instrutor determinará se existe ou non neglixencia e, por tanto, motivos para expedientar á traballadora. Unha vez que se decida se hai ou non infracción e a natureza da mesma, poderase decidir o réxime disciplinario a aplicar.
A preguntas deste xornal, o Concello confirmou que existe un expediente aberto por mor dunha situación anómala detectada no servizo de Benestar Social que agora se está investigando, pero rexeitan achegar detalles sobre a súa natureza mentres o proceso estea en marcha.
A concelleira de Benestar Social, a socialista Paloma Castro, lembrou este martes, despois da publicación da noticia por parte de PontevedraViva, que o asunto está en plena fase de instrución, polo que "debemos preservar a presunción de inocencia" da empregada pública e tratar este asunto co "máximo rigor e respecto" posible antes de arroxar conclusións precipitadas.
Ademais, engadiu que dende a súa chegada á Concellería tivo como tarefa prioritaria reducir as listas de agarda de Benestar Social. Foi neste proceso cando, a finais do ano pasado, dende a Xefatura do Servizo se lle comunicaron "indicios de posibles anomalías" na xestión das citas, o que levou a que de xeito inmediato se abrise unha investigación.
Castro garantiu tamén que o servizo está funcionando con total normalidade e indicou que as listas de agarda reducíronse de tres meses a menos de un, ademais de aproveitar para pedir que a Concellería de Persoal contribúa a seguir nesta liña de mellora da eficiencia, reforzando o plantel de Benestar Social con algunha incorporación.