Comezan 10 días de traballo de enxeñería para conectar os colectores na avenida de Ourense
Por Redacción
Desde este luns e durante ao redor de 10 días, a Avenida de Ourense, na zona situada fronte ao edificio do Concello, será o escenario das obras para conectar o colector antigo e o novo.
Trátase dun traballo no que se realiza unha instalación por baixo desta vía central que soporta numeroso tráfico a diario. A actuación corre a cargo de Copcisa, do mesmo xeito que o resto de obras de renovación do colector xeral.
Con esta instalación afróntase a cuarta fase deste operativo que agora se centra en conectar a anterior rede coa nova. Este traballo leva un atraso de dous meses debido ás inclemencias do tempo. Copcisa aproveita o parón nas choivas para realizar unha operación que se debe practicar nun ambiente seco.
Segundo a empresa, a intervención é "moi sensible" en canto a cuestións de enxeñería, debido á dificultade de unir as canalizacións sen fisuras. Unha vez que finalice o engache xa só quedaría a instalación dos equipos hidráulicos que se integran no depósito de retención, que se atopa á altura da Praza do Regueiro.
O goberno local de Marín sinala que esta obra de saneamento é unha das máis importantes das executadas en Marín xa que se busca a mellora de canalización dos residuos e evitar en gran parte as verteduras á ría, ao mesmo tempo que se mellora o funcionamento da depuradora de Vos Praceres ao aumentar a capacidade do colector e coa instalación do depósito de retención.
A obra depende da Xunta de Galicia, a través do Plan de Saneamento da Ría de Augas de Galicia, e conta cun orzamento de máis de 1.800.000 euros.
AFECTARÁ O TRÁFICO
Estes traballos afectarán á circulación rodada no desvío que se atopa desde a Avenida de Ourense cara á Rúa Estrada, segundo informan desde o goberno local.
Para incorporarse a este vial será necesario circular ata a rotonda da Praza de España e, unha vez alí, virar para realizar un cambio de sentido.