Cae unha rede liderada por un veciño da Illa de Arousa que distribuía heroína usando coches 'caleteados'
Por Redacción
Axentes da Policía Nacional e da Garda Civil detiveron a 11 persoas relacionadas co tráfico de heroína, de diversas nacionalidades, e realizado catro rexistros en domicilios da Illa de Arousa, Vigo, Carballo e Madrid, así como unha nave industrial en Humanes (Madrid).
Foron incautados 20 quilos de heroína, 40.000 euros en efectivo, 11 vehículos, unha escopeta e unha arma simulada, maquinaria de envasar ao baleiro e numerosos teléfonos e computadores.
Segundo informaron fontes oficiais da Policía Nacional, a operación comezou a mediados do mes de xaneiro de 2019, cando se tivo constancia dun significativo repunte da venda de substancias estupefacientes na localidade coruñesa de Carballo. Os axentes da Coruña centraron a súa investigación en Goiáns, controlando un domicilio onde residía unha parella ambos con numerosos antecedentes por tráfico de drogas.
Tras manter un control exhaustivo sobre este domicilio, os axentes detectaron varias visitas realizadas con numerosas medidas de seguridade por parte dun individuo de nacionalidade albanesa, o cal recentemente saíra de prisión e era coñecido polos investigadores, pois fora detido no 2017.
Conseguiuse pescudar que este individuo atopábase asentado na Illa de Arousa, que non realizaba ningún tipo de actividade remunerada e facía uso de diversos turismos de gama alta. Este relacionábase con distintas persoas estreitamente vinculadas ao narcotráfico. Deste xeito púidose detectar a estreita vinculación con outro individuo igualmente con antecedentes por tráfico de drogas, que efectuaba numerosos desprazamentos a Madrid.
A organización contaba cun líder, de orixe albanesa, que era o encargado de establecer os contactos cos distintos compradores na comunidade galega, así como de levar a cabo as correspondentes negociacións. Esta organización criminal mantiña un elevado nivel de sofisticación e rigorosas medidas de seguridade nas súas reunións, desprazamentos e comunicacións entre eles. Contaban cun taller clandestino situado no polígono madrileño de Humanes onde os vehículos usados para a comisión dos delitos pasaban varios meses no interior desta nave onde eran transformados instalando na súa carrocería e interior dos mesmo sofisticados habitáculos de gran tamaño, recubertos de chumbo e imposibles de detectar diante dun eventual control policial onde esconder a droga.
Cando estes vehículos estaban preparados para realizar o transporte, eran rematriculados con placas de Romanía e entregados ás persoas que se encargaban de efectuar longos desprazamentos a bordo dos mesmos ata diversos países de Europa, principalmente os Países Baixos onde eran cargados e regresaban novamente a España. Estes vehículos, en ocasións ían directamente a Galicia, e noutras ocasións acudían á nave clandestina de Madrid, onde a droga era traspasada a outros vehículos e transportada a terras galegas.
HEROÍNA ENTERRADA
En Galicia ocultaban as partidas de heroína proveniente de Madrid en zonas boscosas de difícil acceso, enterradas en diversos puntos para dificultar así o seu achado. Antes de proceder a unha entrega de heroína a algún dos seus compradores habituais, os membros desta banda acudían ás citadas zonas boscosas tomando exhaustivas medidas de seguridade para desenterrar a cantidade que lles solicitasen. Sempre emprendían a marcha con dous vehículos facendo un deles de lanzadeira para detectar posibles controis policiais.
O pasado xaneiro os axentes encargados da investigación detectaron que un dos coches preparados na nave de Madrid regresaba a España procedente de Holanda, iniciando o seu seguimento ata Vigo onde foi interceptado, achando no mesmo ocultos nun habitáculo de gran tamaño nos baixos do vehículo 10,5 quilogramos de heroína.
Por mor deste feito foron realizadas 11 detencións e 4 rexistros en domicilios, así como do taller clandestino situado en Madrid, non descartando novas detencións.
No rexistro efectuado na vivenda unifamiliar de Carballo acháronse numerosas doses de heroína e cocaína listas para a súa venda, 35.000 euros, unha escopeta de repetición municionada e co canón recortado e unha arma curta simulada.
Na leira exterior da casa, os cans detectores de drogas localizaron un lugar concreto no que podería esconderse droga. Tras escavar nel, os axentes localizaron a unha profundidade de 1,50 metros unha bolsa de gran tamaño que contiña no seu interior perfectamente impermeabilizados máis de 9,5 quilogramos de heroína empaquetados da mesma maneira que os incautados días antes no interior do vehículo en Vigo. Para os efectos intervidos súmanselle 62 gramos de heroína e 93 gramos de cocaína preparadas para a venda inmediata a consumidores.