A primeira Global Game Jam en Galicia, un éxito
O venres 31 de xaneiro deu comezo a primeira Global Game Jam de Galicia, que tivo lugar na Casa Azul de Pontevedra.
O evento comezou á primeira hora da tarde con charlas sobre a utilización dalgúns programas que poderían ser útiles para os participantes á hora de traballar nos seus proxectos.
Ás 17:00 horas, tal e como estaba previsto, deuse a coñecer mediante un vídeo o tema co que se traballaría durante fin de semana ao redor de todo o mundo. O vídeo empezou mostrando a varios dos organizadores a nivel mundial do evento, que aconsellaban e animaban aos participantes, para dar paso ao que todos esperaban, o tema.
O tema elixido para este ano foi 'Repair' (reparar). Unha vez coñecido o tema, os aproximadamente 40 participantes dividíronse en varios grupos para realizar un 'brainstorming' ou choiva de ideas sobre as que asentar os seus proxectos.
Para finalizar a xornada do venres os grupos expuxeron os temas e realizaron unha votación para elixir sobre cales traballar. Dos sete temas preseleccionados escolléronse catro: nena foto-rota. planetas rotos, xogo de cartas (xogo de mesa), e pantalla rota; aínda que este último non se chegaría a desenvolver.
O sábado consistiu nunha longa xornada, de 9:00 horas a 23:00 horas, na que os participantes avanzaron nos seus proxectos para tentar telo todo a punto cara a entrega que se realizaría o domingo.
Precisamente ese día pola tarde, antes das entregas, os equipos presentaron ante todos os presentes os proxectos que desenvolveron durante a fin de semana.
O primeiro videoxogo en ser presentado foi o denominado como 'Broken Planet'. Este xogo de plataformas está protagonizado por E. C.O., un solitario robot encargado de limpar a contaminación dos planetas.
'Rep- R' pretendía ser un videoxogo de realidade virtual (R.V.) para móbiles no que o xogador podería escoller a súa propia historia mediante as decisións que fixese á hora de resolver os diferentes quebracabezas aos que se enfrontaría. Desgraciadamente non puido ser terminado a tempo e por agora só consta de varias salas en R.V. polas que o xogador se pode mover libremente
La avaricia rompe o barco
Non todos os xogos creados foron para plataformas. No caso de 'La avaricia rompe un barco' trátase dun xogo de cartas, no que os xogadores deben aguantar doce roldas, colaborando para que non rompa o barco mentres compiten para reunir a máxima cantidade de tesouros posibles.
Aínda que a maioría dos proxectos que se desenvolven durante estas 48 horas son realizados en equipos de varias persoas, tamén hai quen prefire traballar de maneira individual. É o caso, por exemplo, de Oliver Villar.
Oliver propúxose como reto elaborar un videoxogo pola súa conta, algo que logrou, grazas ao apio dalgúns dos seus compañeiros nas partes que lle supuña unha maior dificultade.
O resultado final deu nacemento a 'Mágical Fixer', un videoxogo protagonizado por un mago cuxo obxectivo é reparar os bloques rotos procedentes doutros mundos.
Oliver comenta que ao principio tiña a idea de ''realizar un videoxogo máis complexo'' pero que se vai ''moi contento'' co resultado.
Equipo de música
No apartado sonoro, os videoxogos mencionados anteriormente contaron coa colaboración do Estudo Bonobo, do que participaron Gonzalo Maceira e Alejandro Alonso, e tamén con Emilio García, Iñaki 'Turbo' e Ignacio Jauregui
Para finalizar o evento, o concelleiro de mocidade Alberto Oubiña deu un breve discurso no que mostrou a súa sorpresa ante a alta participación. Tamén dixo que o concello está encantadísimo co evento e asegurou que no 2021 tentarase buscar unhas instalacións máis amplas e mellor comunicadas.
Evelio Sánchez, coorganizador do evento, deixou claras as súas impresións sobre esta Global Game Jam. Sinala que ao ser a primeira vez que se realiza en Galicia, non se esperaba unha participación tan alta. Na páxina web ofertáronse 30 prazas que segundo Evelio eran máis ben ‘’un obxectivo que unha realidade’, polo que conseguir que ao final se xuntasen aproximadamente 40 persoas foi algo que sorprendeu gratamente.
Ademais, afirma que ten moita ilusión por celebrar outra Global Game Jam o ano que vén e agradece ao concello e a .gal por todo o apoio recibido para a realización do evento este ano.
Relacionadas:
-
Os amantes dos videoxogos teñen unha cita en Pontevedra coa Global Game Jam
Por Almu Dapena |
-
Battle royale na Peregrina
Por Manu Otero |
-
Ponte Veteri: unha aplicación que nos transporta á Pontevedra do século XII
Por Boris Rodríguez Pintos |
-
Pontevedra, primeira cidade galega en acoller a Global Game Jam
Por Boris Rodríguez Pintos |
-
O alumnado do campus poderá probar uns videoxogos deseñados polos seus compañeiros
Por Redacción |