Poñen en marcha un programa de intervención para frear a violencia dos fillos sobre os seus pais
Por Redacción
Entre 2004 e 2018 o Programa de Atención Familiar xestionado pola Fundación Meniños atendeu en Pontevedra a 59 mozos e mozas por condutas de violencia verbal ou física cara aos seus proxenitores.
A detección deste tipo de situación, aseguran, incrementouse desde 2010, especialmente en mozos e mozas de 14 e 15 anos, ademais de rexistrarse un repunte de casos de agresións entre os de 12 e 13 anos de idade.
Os datos do programa coordinado por Meniños en Pontevedra reflicten que a maioría dos casos de agresión de fillos a pais foron protagonizados por mozos (68%) e producíronse en familias monomarentais (40,68%). Máis da metade das familias coas que levou a cabo unha intervención teñen ademais antecedentes de violencia de xénero (54%), unha cifra algo superior nas situacións de violencia física. Ao mesmo tempo, existe unha importante presenza de alteracións de orde psicolóxica ou psiquiátrica (44%), sendo algo máis frecuente en casos de violencia verbal.
Por todo iso, e co obxectivo de reducir na medida do posible estas cifras, o Concello de Pontevedra e Meniños poñerán en marcha este mesmo mes un programa piloto de intervención precoz en casos de violencia filio-parental.
O proxecto conta con dúas técnicas, unha educadoras e unha traballadora social, que se encargarán de ir conducindo a grupos de nais e pais e de adolescentes e que participarán nas sesións conxuntas coas familias.
Tal e como explica o coordinador da Fundación Meniños en Pontevedra, Roberto Antón, "este plan piloto está baseado na experiencia previa dun programa que o concello de Vitoria-Gasteiz desenvolveu en colaboración coa Universidade do País Vasco" e pretende atallar esta problemática "instaurando comportamentos alternativos acomodados e incompatibles coa violencia para a resolución dos conflitos no campo familiar".
Pola súa banda a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro sinala que o programa fomentará entre os adolescentes "unha serie de recursos psicolóxicos, como habilidades sociais, condutas de autocontrol, empatía… Que lles permitirán afrontar as situacións cotiás de maneira máis adaptativa".
O plan está dirixido a familias pontevedresas con fillas e fillos de idades comprendidas entre os 10 e os 14 anos que presentan problemática de violencia filio-parental: nenas e nenos usuarios da Unidade de Saúde Mental Infanto-Xuvenil de Pontevedra con dificultade de conduta e a aqueles con expediente aberto na Oficina Técnica de Servizos Sociais do Concello.
As persoas que queiran informarse ou inscribirse no programa poderán facelo a través do correo adolescentes.pontevedra@meninos.org e dos números de teléfono 986 850 156, 678 754 933 e 604 024 103.