Luis del Olmo 'Protagonista' en Cambados: "Se Pontevedra non é Patrimonio da Humanidade non hai dereito a que non o sexa"
Por Ramiro Espiño
Cando un fala con Luis del Olmo ten a tentación de pechar os ollos e simplemente escoitar a súa voz, esa voz que nos acompañou tantas mañás, esa voz que dende distintas cadeas sempre era sinónima de bo facer, de periodismo con maiúsculas, esa voz "Protagonista", quizais sen querelo, porque para Luis del Olmo, o Gran Mestre radiofónico de Ponferrada, os protagonistas sempre foron os seus fieis oíntes.
E resulta doado. Ou el faino doado. O diálogo, refírome. Non fai falta máis que a primeira pregunta dunha entrevista improvisada, en pleno Paseo da Calzada, en Cambados, aproveitando a lectura do seu pregón da Festa da Vieira, para sentirse cómodo, para que o diálogo simplemente flúa con naturalidade, para que o seu interlocutor teña a sensación de querer que a charla tarde en chegar ao seu final.
Así é Luis del Olmo. Grande, non enorme. Amable, próximo. Un pozo de sabedoría. Un profesional irrepetible. Un "Señor" de Ponferrada, que atendeu a PontevedraViva en exclusiva, tras a lectura dun bonito, ameno e instrutivo pregón:
Imaxínome que calquera que entreviste a Luis del Olmo dirá: e que lle pregunto eu a este señor, ao que xa lle preguntaron de todo? Así que non intentarei ser orixinal e simplemente dicirlle, outro pregón máis, e xa van uns cantos non?
Un fai o que pode e o que sabe. Unha das cousas máis fermosas que descubrín é o mundo do pregón. Cando tes oportunidade de cantar a recunchos tan fermosos como Cambados, este último tan quente e tan fresco, que o teño aquí no meu corazón.
Dicías no pregón, entre outras cousas, que a vieira non é "aburrida como unha ostra"...
Si, e hai que buscar cousas alegres porque para aburrimentos xa os políticos téñennos aburridos e a situación económica é suficientemente aburrida para que clamemos pola alegría, pola felicidade e pola dulzura, todo iso que ten a vieira.
Desgraciadamente nestes momentos é a festa o refuxio que nos queda aos españois?
"Confío que os políticos que non se volvan tolos de todo, que están a punto, e nos leven pola senda do benestar e da prosperidade"
O refuxio dos españois é a esperanza, unha esperanza que teremos que soportar non sei se durante un ano ou dous. Eu cando falo cos economistas coinciden en que teremos que pasar o ano 2014, a min paréceme moito tempo, pero confío que as grandes cabezas pensantes e os políticos que non se volvan tolos de todo, que están a punto, pero que non se volvan do todo, e nos leven pola senda do benestar e da prosperidade, que posibilite que eses seis millóns de persoas volvan ás súas casas cun posto de traballo.
Como hoxe é un día de festa imos deixar os temas trascendentes e permíteme preguntarche que lle trouxo a Luis do Olmo aquí, a Cambados, ademais das raíces de ter unha orixe na "quinta" provincia galega e ter unha dona galega.
O parentesco e a veciñanza. Porque sabes, Ponferrada e o Bierzo como ti dis é a quinta provincia galega. Pero a afinidade de ter unha muller de Santa Marta de Ortigueira tamén pesa e sobre todo o que pesou nesta ocasión é ter un amigo como Manolo 'Chocolate' que eu durante moitos anos sempre dixen que o embaixador de 'Protagonistas' en Galicia era Manolo Chocolate. Conservei e conservo unha bonita amizade e el é quen me leou -bendita lea- para que viñese este ano ao pregón de Cambados.
Dixeches tamén no pregón que o ano que vén querías volver pero acompañado de fillos e netos, con toda a familia.
Ameazo, si. Ameazo con iso, con vir coa muller, cos fillos e os nove netos. Pode ser un momento delicioso e inesquecible. Estivemos hai dous anos en Galicia con todos os netos. Tivemos unha sorte espléndida porque nos acompañou o tempo e os meus netos en canto lles dixen que viña outra vez a Galicia dixéronme por que non viñan eles nesta ocasión. Desculpeime dicíndolles que o Concello de Cambados non ten orzamento para alimentarvos a todos vós, que sodes uns lampreóns. Pero teño ganas de volver. Galicia sempre é para recordar, para gozar, esteas en Cambados, esteas en Pontevedra ou en calquera lugar desta bendita terra.
E deixaches un reto: facer 'Protagonistas' desde Cambados.
Si, gustaríame. Ti sabes que agora non estou do todo retirado. Afortunadamente chamáronme os compañeiros de Radio Nacional, cando xa estaba retirado, para que polo menos unha vez á semana esa tolemia que aínda che queda pola radio poidas compracela. Eu estou facendo os venres unha entrevista en profundidade a aquelas persoas que teñen algo que dicir e isto volveume a traer á radio e a vivir os mellores momentos da miña vida. Eu agora atópome feliz e con forzas para logo das vacacións non soamente facer esa entrevista en Radio Nacional unha vez á semana, si non un programa de longa duración unha vez á semana. Volver outra vez a aquelas seis horas de radio unha vez á semana, non todos os días, porque evidentemente xa son moi maior e probablemente o espertador diríame polas mañás, Luisito, quédate na casa que xa non estás para eses 'jaleos'.
"Pontevedra descubrina hai catro anos nada máis. Esa cidade antiga de Pontevedra, esa marabilla, se non é Patrimonio da Humanidade non hai dereito a que non o sexa"
A última e déixoche xa agradecendo a túa amabilidade, pero se che queda tempo libre en PontevedraViva estariamos encantados de contar coa túa colaboración...
En Pontevedra teño moitos amigos. Pontevedra eu descubrina, é curioso, dáme vergonza dicilo, hai catro anos nada máis. E coñecín unha cidade que me dixen, meu Deus, e por que antes non a coñecera. Esa cidade antiga de Pontevedra, esa marabilla, que eu non sei se é Patrimonio da Humanidade, pero probablemente senón o é, non hai dereito a que non o sexa. Pontevedra, non sei por que, tráeme moitos recordos de recunchos da miña Ponferrada antiga. Ademais, en Pontevedra sodes uns tíos fenómenos e unhas tías guapísimas e fenómenas tamén, e a vós en PontevedraViva deséxovos que teñades moita sorte nesta aventura que iniciastes dentro do mundo da comunicación.