Invisten 60.000 euros na renovación do viario interno do barrio do Barral
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de finalizar a renovación de todo o viario interno do barrio rural tradicional do Barral, configurado como un dos núcleos máis característicos e compactos do municipio.
Fíxoo cun investimento de 60.000 euros destinado a renovar un vial que ata a data atopábase en terra ou en mal estado.
As obras consistiron na limpeza das marxes, a apertura de cunetas, a demolición e reconstrución de muros, a dotación dunha base de saburra para favorecer a compactación do novo firme, o aglomerado, a instalación de canalizacións e o perfilado dos entroncamentos.
"Creo que se trataba dunha obra moi necesaria, nun dos núcleos máis antigos que temos, e que ademais facilita un tránsito cómodo para os peóns. A actuación cinguiuse principalmente na dotación dun firme idóneo, xa que os camiños desta aldea, que é moi compacta, son os que son e nalgúns puntos poden pasar os coches pero noutros non pola proximidade das casas", sinalou o alcalde, Jorge Cubela, tras visitar a zona.