O novo mercado de abastos de Sanxenxo xurdirá dun concurso de ideas
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) asinaron este venres un convenio de colaboración para poñer en marcha un concurso de ideas que permita atopar o proxecto máis adecuado para construír o novo mercado de Sanxenxo.
O alcalde Telmo Martín e o representante do COAG Anselmo Villanueva explicaban que a idea é que este edificio ocupe o mesmo lugar no que se atopa agora o mercado de abastos na rúa Madrid. "Queremos que haxa un antes e un despois" para toda esta zona despois do concurso, apuntou Telmo Martín, que procura a revitalización de toda a contorna desde Cesteiros ata a rotonda da Florida, un espazo con numerosos locais comerciais.
O concurso contemplará que o edificio conte cun aparcamento soterrado, a zona de venda e un espazo para degustación gastronómica, ademais doutros departamentos de usos múltiples.
Anselmo Villanueva afirmou que estes concursos abertos favorecen a intervención de numerosos profesionais de maneira libre e, ademais ao estar dotado dunha contía económica de 20.000 euros, permitirá que moitos estudos de alcance estatal mostren o seu interese en redactar este proxecto. Entre outros factores, o novo edificio tería como obxectivo atraer ao turismo coa posibilidade de poder probar diferentes pratos con produtos frescos da ría.