Luis del Olmo entrégase á vieira e abre o seu fin de semana grande en Cambados
Por Redacción
O xornalista e locutor radiofónico Luis del Olmo enxalzou este sábado as propiedades e o sabor da vieira e abriu o fin de semana central da Festa da Vieira de Cambados, no que a parte da vertente gastronómica un dos principais atractivos foi a concentración de Ferraris na praza de Fefiñáns.
Unha "joya de mar" que exaltan todos, mesmo as persoas de "paladar exigente y morro fino", polo seu "sabor excelente" e "textura inconfundible". Foron algúns dos eloxios cos que Luis del Olmo se mostrou completamente rendido ao produto estrela deste fin de semana en Cambados. Foi o encargado de dar un pregón que estivo moi concorrido de público e autoridades e no que non faltaron personalidades destacadas da bisbarra como Jesús Hermida ou o restaurador Manolo Chocolate.
"Con las vieiras de Cambados, la mesa ya está dispuesta. ¡Démonos por enterados, y que comience la fiesta!" foi a mensaxe final, en formato verso, dun pregón co que se abría a veda: cambadeses e visitantes encheron durante o resto da xornada a carpa situada no Paseo da Calzada na que se degustan as vieiras.
A 4,50 euros a unidade pódense tomar preparadas á galega, ao albariño ou con arroz e para os que non se queren deixar seducir pola protagonista da festa, tamén hai empanada, zamburiñas, pementos e navallas. Estarán dispoñibles para todo o que se achegue a Cambados ata este domingo.