Este sábado abre a inscrición para participar na décima Pontevedrada solidaria
Por Redacción
A décima edición da Pontevedrada, a marcha solidaria nocturna entre Pontevedra e Compostela para concienciar sobre a importancia de doar sangue, órganos e tecidos, xa está preto. Celebrarase este ano o próximo 25 de abril e desde este sábado 1 de febreiro todas as persoas interesadas en participar xa poden inscribirse.
A Asociación de Amigos da Pontevedrada - ASAMPO- abre o prazo de inscrición, que estará aberto entre este sábado 1 de febreiro e as 22.00 horas do 21 de abril.
Todas as inscricións recibidas ata o domingo 29 de Marzo de 2020 ás 23:59 horas levarán o nome íntegro no dorsal. As inscricións recibidas posteriormente só levarán a inicial do nome no dorsal.
A inscrición pódese realizar por correo electrónico (pontevedrada@gmail.com), Whatsapp (602 526 978- Lucy) ou na páxina web da asociación (www.asampo.org).
Os datos necesarios para formalizar a inscrición son: nome, apelidos, DNI, data de nacemento, localidade de residencia, teléfono e un enderezo de correo electrónico.
A organización da Pontevedrada xera unha serie de gastos que é necesario cubrir por parte da asociación. Por este motivo, solicítase unha achega solidaria de 5 euros por persoa que se realizará no momento de retirar os dorsais.
A décima Pontevedrada sairá o 25 de abril ás 20 horas desde a Praza de España pontevedresa.