Máis de 90 aspirantes optan a traballar de mestres composteiros como funcionarios interinos nos concellos

Por Redacción
A Deputación de Pontevedra vén de recibir máis de 90 solicitudes de persoas que aspiran a traballar de mestres composteiros como funcionarios interinos por programa nos concellos adheridos ao Plan Revitaliza.
Este mércores pechouse o prazo de inscrición para participar no concurso-oposición e a partir de agora comezan a contar os prazos: a lista de persoas admitidas publicarase a semana próxima, as probas de selección serán no mes de febreiro e o persoal que obteña máis puntuación incorporarase aos postos ao longo do mes de marzo.
O número de prazas dispoñibles para as 90 persoas aspirantes é de 15 (unha de cada seis persoas poderá conseguir o traballo), repartidas entre os 14 concellos que pediron subvención á Deputación.
As prazas cubriranse inicialmente coas persoas integrantes da primeira bolsa de emprego (segundo as cualificacións da proba realizada en 2018) e seguirán coas de maior puntuación desta nova convocatoria.
Para participar no vindeiro proceso selectivo é preciso ter o Bacharelato ou ser técnico superior. As persoas que obteñan maior valoración poderán elixir o concello de destino e serán nomeados funcionarios interinos por programa, pasando a ser persoal propio de cada administración local.
Trátase da segunda vez que a Deputación facilita a contratación de persoal aos concellos adheridos ao plan de compostaxe provincial, tendo outorgado na primeira convocatoria axudas para dar traballo a trece mestres composteiros.
Relacionadas:
-
Vilaboa disporá de 15 illas de reciclaxe integrais
Por Redacción |
-
Medio cento de familias, en listaxe de agarda en Cambados para conseguir composteiro
Por Redacción |
-
Sanxenxo incrementou a compostaxe de residuos nun 38% durante o pasado ano
Por Redacción |
-
Os concellos do Plan Revitaliza piden axudas á Deputación para contratar mestres composteiros
Por Redacción |
-
Todos os concellos do Plan Revitaliza estrearán en 2020 composteiros comunitarios e individuais
Por Redacción |
-
Os mestres composteiros resolven as dúbidas á veciñanza de Meis polo novo centro de compostaxe
Por Redacción |
-
Medio millón de euros para contratar mestres composteiros nos 'concellos Revitaliza'
Por Redacción |