O Concello de Sanxenxo chega a un acordo cos propietarios do quiosco para que toda a praza de Vilalonga sexa pública
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo resolveu o último escollo para que toda a superficie da Praza de Vilalonga sexa pública. A falta dalgún detalle técnico administrativo o Concello e os propietarios do quiosco vivenda de 75 metros cadrados da praza de Vilalonga chegaron a un acordo.
O Concello abonará 39.703 euros aos propietarios en base á taxación do arquitecto municipal. Con anterioridade a este acordo o Concello presentou unha demanda sobre a propiedade da praza que seguía rexistrada a nome da familia Campo, aínda que esta consideraba ao Concello como o único propietario.
En concreto, a demanda interpúxoa o 14 de marzo de 2019 e sobre a mesma existe unha sentenza do Xulgado de primeira instancia nº 4 de Cambados con data 5 de novembro de 2019 na que se recoñece que a praza de Vilalonga, cunha extensión de 4.388 metros cadrados, é de pleno dominio do Concello de Sanxenxo.
O orzamento de 2020 contempla unha partida de 220.000 euros para a reforma da praza, unha cantidade suficiente para asumir as obras. Antes de iniciar a reforma hai que encargar a redacción dun proxecto técnico, facer un prego de condicións, licitar as obras, adxudicalas e logo o mes que ten calquera empresa adxudicataria para iniciar as obras. Por tanto, en ningún caso estas poderán iniciarse antes de 6 meses.