O PP de Ponte Caldelas critica que as facturas sen pagar do Concello a provedores ascendan a 700.000 euros
Por Redacción
O recoñecemento público do alcalde de Ponte Caldelas de que se atopan sen pagar facturas a provedores de 22019 por 681.199 euros provocou a reacción do Partido Popular, que lembra que Andrés Díaz está obrigado a levar o recoñecemento extraxudicial de crédito ante o Pleno da corporación.
Os populares sinalan que a cifra de falta de pagamentos triplica a rexistrada en 2018, que se situaba en 256.647 euros e cualifican esta situación como unha "mala xestión" do equipo de goberno.
Antón Xil, portavoz dos populares sorprendeuse ao comprobar o anuncio das contas por redes sociais e nos medios de comunicación antes de trasladarllo aos integrantes da corporación municipal. Denuncia que o alcalde non convocou o pleno de xaneiro para evitar que a oposición coñeza as contas municipais e atrasar así o control sobre a súa "nefasta xestión".
Por este motivo, a oposición esixirá ao alcalde que facilite o informe de intervención sobre o peche económico de 2019 para levar a cabo un labor de fiscalización sobre os temas en que se gasta o diñeiro.
Os concelleiros do PP instan a Díaz a que realice políticas máis sostibles e menos "festas e paparotas" para evitar que o Concello traballe "a pufo".