Pontevedra aforrará 100.000 euros ao ano na iluminación das vías de entrada á cidade
Por Redacción
Os primeiros traballos do proxecto de eficiencia e aforro enerxético nas vías de acceso á cidade comezan este luns, 1 de outubro. Esta mellora, adxudicada polo Concello de Pontevedra á empresa Setga, suporá un investimento de 200.000 euros e suporá un aforro anual para as arcas municipais de 100.000 euros.
As obras comezarán polo cuadro da estrada de Vilagarcía, a PO-531. Acometerase a substitución de luminarias por outras de baixo consumo, a colocación de equipos de redución enerxética e a instalación de reloxos astronómicos, de tal xeito que se activen e apaguen en función da luz solar.
As vías que aplicarán esta eficiencia enerxética na súa iluminación son a N-550 dende o casco urbano ata o límite do municipio, a N-541 ata o límite con Cotobade, a autovía de Marín ata o linde do Porto e a N-531 ata o límite co concello de Barro. Quedará excluida a estrada de Vigo, xa que segundo explicou o responsable do mantemento dos servizos urbanos, o concelleiro nacionalista Raimundo González, xa foi reformada recentemente e xa está substituída a iluminación.
O proxecto na súa totalidade prevé a substitución de 1.036 luminarias e 22 cadros eléctricos. Cambiaranse as luminarias que están controladas polos cadros eléctricos, que en moitos casos non só é na vía principal senón tamén en pequenos núcleos urbanos en torno a estes cadros.
O informe técnico municipal revela que o aforro será do 55% no consumo, que con mantementos e novas tecnoloxías suporá un aforro as arcas municipais de arredor 100.000 euros ao ano. Ademais, o contrato inclúe o mantemento da rede durante sete anos coa obriga de substituir todas as luminarias, que teñen unha duración aproximada de catro anos, o último ano de vixencia do contrato.