O pequeno comercio da cidade vístese coa campaña 'Namórate de Pontevedra'
Por Sara Iglesias
A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, presentou xunto co escritor e xornalista pontevedrés Manel Loureiro a campaña 'Namórate de Pontevedra', pensada para estimular as compras no comercio local.
Trátase dunha iniciativa gráfica con carteis en forma de corazón con pequenos versos que tratan sobre o amor, e que está pensada para "a dinamización e proxección do comercio local", segundo explicou a edil.
A campaña é soamente de decoración e adornará máis de 350 comercios tanto do centro da cidade como dos arredores ata o próximo 14 de febreiro, día dos namorados. A concelleira dixo que "esta campaña está feita para incidir non soamente no amor, senón no namoramento do comercio local en Pontevedra".
Os carteis serán de diferentes tamaños, tanto grandes como pequenos. Os máis de catrocentos versos que configuran a campaña son maioritariamente de autores galegos como Rosalía de Castro ou Celso Emilio Ferreiro e tamén de escitores galegos actuais.
A edil agradeceu a "todos os escritores pontevedreses que colaboraron con esta iniciativa", especialmente a Manel Loureiro "un dos embaixadores máis importantes de Pontevedra", afirmou Blanco. Tamén salientou a participación de Manuel Jabois e da académica pontevedresa Fina Casalderrey.
Pola súa banda, o autor de El último pasajero manifestou que "tendo en conta que eu son escritor de prosa, chamoume moito a atención que contactasen comigo para este proxecto".
O escritor dixo que "esta é unha maneira estupenda de devolverlle a esta cidade o moito que ela deume a min ao longo destes anos". Loureiro quixo reconocer o labor de Arantza Portabales e María Solar, escritoras que son moi coñecidas tanto dentro como fóra de Galicia e que, segundo explicou, "podían aportar algo" porque considera que "era unha maneira de vertebrar unha historia a medio camiño entre a cultura e a dinamización do comercio nunha data que ten certa relevancia cultural".