Nauta Sanxenxo actualiza as tarifas e aplica a nova ordenanza de terrazas
Por Redacción
O consello de administración de Nauta Sanxenxo acordou enviar aos locais do porto deportivo a nova ordenanza de terrazas, xa que tras a súa aprobación todos terán que adaptarse no prazo establecido á nova normativa. Tamén se aprobou a actualización das tarifas.
A tarifa de mantemento das prazas de amarre que se actualiza de forma bienal, polo que tendo en conta que a última revisión foi en xaneiro de 2018, este ano actualízase co IPC dun 2%, correspondente ao período 2017/2019.
A tarifa de mantemento de prazas de aparcamento actualízase de forma anual, polo que se modifica cunha variación do 0,8% correspondente ao IPC do ano 2019. A próxima revisión será en 2021.
En canto ás tarifas do aparcadoiro público. A última actualización foi no ano 2012. Modifícase agora esta tarifa cunha variación do 3,9% que é o IPC acumulado desde a última revisión.
Con este cambio na planta interior o prezo queda en 0,027 céntimos/minuto. (1,62 euros a hora). O prezo polo día completo é de 18,10 euros e o dos bonos é de 32,50 euros ao mes. Na planta exterior o prezo é de 0,023 céntimos/minuto (1,37 euros a hora) e o día completo sae a 15,60 euros.
A tarifa de ocupación da Praza do Mar mantense en tempada alta (do 01/06 ao 30/09) de 1,35 euros o metro cadrado por cada día + IVE e en tempada baixa (do 01/10 ao 31/05) de 0,50 o metro cadrado por cada día + IVE.
No consello deuse conta do expediente de subministración e instalación de colectores semi soterrados, co anuncio publicado o 17 de xaneiro para a súa contratación. O prazo de presentación de ofertas finaliza o 3 de febreiro.
Tamén se acordou abrir expedientes de contratación para a mellora das deficiencias na gasolineira, a reparación dos pilones nos pantaláns e a vixilancia nos mesmos. levarán a cabo tamén obras para emendar deficiencias no aparcamento, gretas, pintados e filtracións de auga.