Residentes de máis de quince casas en Montecelo, molestos polo mal estado do camiño de acceso as súas vivendas
Por Anxo Lourido
Diariamente, un grupo de escolares ten que baixar polo camiño situado no lateral de Urxencias do Hospital Montecelo para achegarse ata a parada de autobús na avenida de Montecelo. Durante este inverno, é frecuente que os menores teñan que realizar este percorrido camiñando sobre as augas que invaden este vial.
Residentes desta zona de Mourente sinalan que ese camiño de acceso a Pardesó se atopa en mal estado por falta de mantemento. Denuncian que as cunetas levan tempo obstruidas por maleza, que mesmo nalgunhas zonas invade o camiño. A presenza de choivas acaba provocando que a auga baixe pola calzada convertendo nun pequeno río este vial en costa.
Segundo denuncia unha das veciñas, presentáronse varias reclamacións no Concello de Pontevedra desde o mes de novembro reclamando unha intervención de limpeza e mellora da zona. Con todo, non recibiron resposta e as dificultades para acceder ás vivendas convertéronse en habituais durante todo o inverno ante a desesperación veciñal.
Este camiño, ademais de ser acceso directo a quince vivendas, tamén é usado habitualmente por peóns e vehículos que empregan aparcadoiros privados situados en leiras da contorna de Montecelo.