O PP denuncia "novos recortes" da Deputación para os concellos ao excluílos do Pontegal
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra, a través do servizo de Cultura, creou o Catálogo Pontegal que é un inventario provincial de grupos, artistas e compañías, nas súas múltiples e variadas expresións artísticas.
Así, as distintas entidades sen fins de lucro levan a cabo actuacións cos distintos grupos acollidos ao programa Pontegal que serán logo retribuídos pola Deputación polas actuacións autorizadas e realizadas coas contías establecidas para este fin.
Alcaldes e voceiros do Partido Popular reclaman á Deputación de Pontevedra que rectifique as bases do Pontegal 2020 e que tamén inclúa nos solicitantes aos concellos da provincia e que, deste xeito, poidan solicitar actuacións de grupos e artistas con cargo a este programa.
Os populares lamentan que, por primeira vez, o goberno provincial deixe fóra como entidades solicitantes aos concellos, "o que supón un novo recorte de fondos provinciais para eles". Pero ademais, engaden, "tamén supón unha perda importante de oportunidades para os grupos e artistas da provincia" xa que, recordan, os concellos "son os principais organizadores da programación cultural e festiva durante todo o ano".
Por iso, o grupo provincial popular defenderá este venres unha moción no pleno da Deputación para que o Bipartito dea marcha atrás e inclúa aos concellos no Pontegal.
Esta medida supón que a partir de agora todas as actuacións que programen os Concellos deberanse facer con cargo a fondos propios, denuncian os populares.