Deteñen nun hotel de Poio unha muller reclamada por un xulgado pontevedrés
Por Natalia Puga
Axentes da compañía de Pontevedra da Garda Civil detivo a pasada madrugada a unha veciña de Vigo que estaba aloxada nun hotel de Poio e deuse a circunstancia de que tiña en vigor unha orde de procura ditada por un xulgado pontevedrés.
A detención enmárcase nos controis permanentes que fai a Garda Civil, como o resto de forzas e corpos de seguridade do Estado, sobre os viaxeiros e hóspedes que se aloxan nos distintos establecementos hostaleiros da cidade. Nun deses controis, pediron ao citado hotel a documentación dos seus viaxeiros e descubriron a esta muller.
A detida é unha veciña de Vigo que levaba pouco tempo aloxada neste establecemento e tiña en vigor unha orde de detención ditada por un Xulgado do Penal de Pontevedra. Segundo indicaron desde a Garda Civil, fora condenada por esta sala xudicial por un delito de roubo e, como parte da sentenza, ofrecíase a posibilidade de eludir o ingreso en prisión pagando unha multa.
Dado que a muller non pagou a multa, ditouse a requisitoria xudicial para que fose detida. Tras o arresto, a Garda Civil púxoa ao dispor do xulgado que a reclamaba, ela pagou a multa e volveu quedar en liberdade.
Fontes policiais indicaron que eses controis da Garda Civil nos establecementos hostaleiros permiten moitas veces dar resposta a requisitorias dos xulgados e levar ante o xuíz a persoas que tentan eludir a acción da xustiza.
Resolver estas requisitorias é unha parte importante do traballo das forzas de seguridade do Estado. De feito, segundo informou a Garda Civil, outros tres requisitoriados foron detidos durante a pasada fin de semana en Silleda, Ponteareas e Mos.