Ponte Caldelas contratará doce persoas co Plan Concellos da Deputación
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas, a través do Plan Concellos da Deputación, contratará doce persoas para tarefas de reparación, mantemento e desbroces.
Deste xeito, o Concello acollerase á liña tres da subvención, destinada ao fomento do emprego, e procederá á contratación de persoal desempregado inscrito no Servizo Público de Emprego, sempre respectando a preferencia na contratación dos colectivos máis desfavorecidos.
Contratarase a catro operarios para reparación e mantemento de infraestruturas municipais e oito para servizos de desbroce e mantemento de espazos públicos. O contrato será de oito meses e a xornada laboral de 25 horas á semana.
Como xa se fixo nas anteriores contratacións deste tipo, o salario rexirase polo convenio colectivo do sector da construcción da provincia de Pontevedra, de maneira que os traballadores poidan contar cun salario digno e acorde ao posto de traballo que desempregan. O salario será de 1.009 euros/brutos ao mes.
As persoas interesadas en optar a un destes postos deben estar inscritas na Oficina de Emprego de Pontevedra como ‘Operario de Mantemento de Rede de Sumidoiros’ ou ‘Traballador en conservación de parques urbanos, xardíns históricos e botánicos’.
Será a propia oficina de emprego a que envíe o listados das persoas que se axustan a estes dous perfís e será un técnico da administración provincial o que se encargue de realizar as probas de selección, de maneira que se cumpran os obxectivos de transparencia na contratación.
A Deputación de Pontevedra aportará 126.665 euros para estas contratacións e o Concello de Ponte Caldelas achegará 13.018 euros.