Moraña quere acondicionar o exterior da antiga escola de Santa Xusta
Por Redacción
O Concello de Moraña vén de activar un proxecto integral para o acondicionamento exterior da antiga escola de Santa Xusta que permitiría rematar coa restauración, posta en valor e funcionalidade deste histórico inmoble, cuxo interior se atopa en perfectas condicións tras a súa reforma e a instalación, xa o pasado ano, dun novo sistema de calefacción eficiente.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, explicou que a actuación deseñada polo goberno local pasa polo embelecemento da súa fachada a través dun pintado xeral da mesma e da instalación de canalizacións de auga para evitar as escorrentías e pola mellora dos seus accesos, que xa cumpren coa accesibilidade ao inmoble pero que precisan dunhas novas beirarrúas para evitar que se formen lameiras na súa entrada.
O executivo pretende financiar este proxecto a través da Xunta de Galicia e do Plan Concellos da Deputación, co que se sufragarían os accesos.
"Con estas actuacións completaríamos a recuperación total deste emblemático inmoble, xa que o interior está en perfectas condicións e ademais agora pode acoller actividades no seu interior durante todo o ano grazas ao recente investimento de 40.000 euros, cofinanciado pola Xunta, dunha rede de calefacción eficiente que se nutre da caldeira de biomasa instalada o ano anterior", detallou a rexedora.
A antiga escola de Santa Xusta é un dos edificios máis destacados da arquitectura civil de Moraña e acaba de cumprir o seu primeiro século de vida.
Na actualidade ten un uso expositivo e tamén social e o obxectivo do goberno local céntrase en completar a súa recuperación, que debería producirse este mesmo ano con esta dobre actuación, para incrementar a súa utilización por parte do Concello, as asociacións e a veciñanza.