Comezan as obras de mellora da seguridade viaria do polígono industrial de Cuntis
Por Redacción
Este martes iniciábanse as obras de mellora do vial do polígono industrial de Cuntis, que une a N-640 coa estrada PO-220 entre Cuntis e Valga. Esta zona conta cunha alta intensidade de tráfico e por este motivo, os traballos centraranse en regular a velocidade, instalación de sinalizacións, a mellora da calzada e das beirarrúas, ademais da renovación da iluminación, entre outras actuacións.
Contémplase tamén a execución da rede de sumidoiros e drenaxe, ademais van instalarse contedores para augas residuais, do mesmo xeito que cables e tubaxes para a subministración de iluminación pública e previsión de telecomunicacións.
Trátase dunha actuación que conta cun orzamento de 554.625 euros financiada totalmente polo Plan DepoRemse e o Plan Concellos da Deputación. Carmela Silva, presidenta da institución, achegábase este martes para contemplar co alcalde de Cuntis, Manuel Campos, estes traballos.
Silva destacou que este investimento é para que o polígono industrial conte con equipamentos e garantías para xerar actividade económica e crear emprego. Pola súa banda o alcalde lamentaba que sendo unhas instalacións de competencia autonómica, a Xunta de Galicia non investise "nin un duro". Carmela Silva denunciou a "forma vergoñosa de facer política do Partido Popular".
A Deputación de Pontevedra leva investidos no municipio de Cuntis máis de 4,1 millóns de euros, o máis elevado neste concello na historia da institución provincial, segundo apuntou a presidenta provincial afirmando que se financiaron 38 obras e deuse emprego a 94 persoas neste Concello.