O alumnado do IES Frei Martín Sarmiento axítase a ritmo de rap pola memoria histórica

Por Sara Iglesias
Dentro do programa municipal 'A memoria das mulleres', que promove a concellería de Patrimonio, o pedagogo e rapeiro galego García MC visitou aos alumnos do IES Frei Martín Sarmiento para ofrecer un obradoiro de rap que tiña como finalidade "transmitir a memoria histórica a través do rap", segundo afirmou o concelleiro de Patrimonio Histórico Xaquín Moreda. No acto estivo presente a escritora e xornalista Montse Fajardo, promotora do proxecto e que está a cargo do bloque de conferencias.
A sesión comezou coa presentación do rapeiro que asegurou que "esta é unha nova experiencia que comezo con vós, un espazo que imos construír desde o saber e o coñecemento". García MC propuxo un xogo ao alumnado, no que tiñan que dicir palabras que tiveran que ver coa memoria histórica. As máis significativas foron: "morte", "represión", "inxustiza", "pena", "miseria", "dor", "silencio" e "repetición". Sobre esta última, o rapeiro reflexionou xunto cos rapaces e rapazas: "poñendo luz na conciencia é como podemos facer que todo o que pasou no 1936 e a posteriori non se repita", mencionou.
Tralo xogo, o intérprete deu unha breve explicación sobre o que a Guerra Civil e a represión significaron, facendo especial mención ás miles de persoas desaparecidas durante eses anos "os restos de máis de cen mil persoas seguen espallados por todo o territorio español, enterradas en lugares hinóspitos, en gabias, sen lápidas". Entón García MC ensinou o alumnado como o ser humano pode chegar ata ese punto: "hoxe en día, a través das fake news. Non hai espazo para a reflexión. Xérase unha bola real a partir dunha mentira e desemboca na opinión pública", afirmou.
Para o músico, a memoria histórica "non se está tratando como debería. Aínda é un tema tabú". Entón preguntou o alumnado se crían que as persoas cargan con experiencias do pasado, o que desembocou nun debate no que os rapaces e rapazas chegaron á conclusión de que existe un dualismo, é dicir, dous bandos: o que está ben e o que está mal. O rapeiro sostivo que "entre as polaridades existe un equilibrio, e aí é onde está a verdade".
Para rematar esta parte de contexto, o rapeiro tratou o tema sobre como se viviu a Guerra Civil en Pontevedra, calificando eses anos como un "xenocidio". Tamén mencionou as humillacións ás que eran sometidas as mulleres naquela época, tras rapalas e dar os coñecidos paseos nos que as denigraban. E despois, a morte, con argumentos en contra delas como que eran meigas ou que loitaban en defensa pola República, como Elvira Lodeiro e Consuelo Acuña, mulleres ás que mencionou na súa charla. As súas biografías poden colsultarse na web dogrisaovioleta.gal.
Nunha pequena intervención, Montse Fajardo dixo que: "centos de pontevedreses foron humillados e fusilados", e recordáronse tamén os fusilamentos que se levaban a cabo na Caeira, sobre todo o máis coñecido, o de Alexándre Bóveda.
Para rematar, comezouse a parte da creación dun rap en honor á memoria histórica, onde García MC puxo unha base sobre a que o alumnado traballou en diferentes grupos e que saldouse con frases como "franquismo é fascismo". A mocidade quedou moi satisfeita co obradoiro, que se repetirá ó longo da semana nos centros Xunqueira I, Sánchez Cantón e Carlos Oroza.
Relacionadas:
-
Premian unha investigación en produción e venda de cosméticos para pacientes oncolóxicos do IES Frei Martín Sarmiento
Por Redacción |
-
Teatro para facer memoria: "Non se pode coquetear co fascismo, trae consecuencias devastadoras"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os futuros perruqueiros do Frei Martín Sarmiento formaranse con todas as garantías sanitarias
Por Manu Otero |