Máis de catro días á espera de que retiren o corpo dun xabaril na N-550 á altura de Cerponzóns
Por Redacción
A asociación de veciños O Chedeiro de Cerponzóns leva desde antes do venres 24 denunciando a presenza do corpo dun xabaril atropelado na beiravía da N-550 na zona de Tilve, na subida á Igrexa, dentro dos límites da parroquia pontevedresa.
Primeiro, o corpo do animal estaba situado no sumidoiro lateral e segundo indica Juan José Esperón, representante deste colectivo, comunicaron desta situación ao 112 Galicia. Desde este servizo indicaron que xa trasladaban o aviso ao organismo competente para retirar o cadáver do animal.
Pero en lugar de levar a cabo a retirada, os operarios situaron o corpo na beiravía, sempre segundo explican desde a asociación.
Malia volver reclamar a retirada, pasan os días e o corpo continúa no mesmo lugar. Desde a asociación O Chedeiro reclamaron un servizo máis eficiente para esta situación.
Segundo a Lei de Seguridade Viaria de 2014 en caso de accidentes de tráfico por atropelos de especies cinexéticas, a responsabilidade dos danos a persoas ou bens é do condutor. No caso de que se atropele a un animal na vía é obrigatorio deter o vehículo e prestarlle os primeiros auxilios ou chamar a un veterinario.
No caso de que o animal faleza polo impacto hai que retirar o seu corpo da estrada e avisar á Garda Civil. No caso de que non se sigan estes procedementos, a persoa que impactase co animal exponse a unha multa de ata 200 euros no caso de que deixe o corpo do animal na vía e supoña un perigo para outros condutores.